A Xunta solicita a colaboración do Estado para mellorar o estado produtivo da ría de Ferrol

A conselleira do Mar envía unha carta á subdelegada do Goberno na Coruña na que demanda a súa implicación para sumar o apoio do Executivo central aos xa obtidos por parte das administración locais afectadas

Rosa Quintana pide ao Goberno estatal información sobre as conclusións do estudo técnico e biolóxico da ría que encargou en 2018 pois pode contribuír a determinar as medidas a adoptar en favor do sector marisqueiro local

A Xunta realizou traballos nos últimos anos para mellorar a calidade das augas e recuperar as zonas de produción marisqueira de Ferrol que permitiron acadar melloras na clasificación microbiolóxica e no estado dos bancos marisqueiros

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enviou o pasado venres unha carta á subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, na que lle traslada a necesidade de sumar apoios doutras administracións para solucionar o problema de falla de produtividade da ría de Ferrol e lle solicita a súa colaboración. A titular de Mar, que lle agradece á representante do Estado na provincia da Coruña o apoio dado no pasado, lembra que moitos dos aspectos que inflúen neste asunto están baixo competencias diseminadas en distintas administracións, polo que considera necesario sumar a colaboración do Goberno central ao compromiso xa obtido por parte das entidades locais.

Precisamente, o envío desta misiva produciuse xusto un día despois de que a representante do Executivo galego mantivese unha xuntanza cos representantes municipais e das entidades marítimo-pesqueiras da ría de Ferrol. Nela, Rosa Quintana explicou os traballos realizados pola Xunta nos últimos anos co obxectivo de mellorar a calidade das augas e recuperar as zonas de produción marisqueira. Eses esforzos, lembrou, permitiron a mellora de moitas áreas de produción en canto á súa clasificación microbiolóxica e o avance do estado do substrato dos bancos marisqueiros.

A conselleira do Mar agradece na misiva a sensibilidade mostrada pola subdelegada do Goberno na Coruña con este asunto e lembra que en setembro de 2018 xa convocou a diferentes responsables sectoriais e administrativos para abordar o problema. Nesa xuntanza acordouse ademais encargar un estudo técnico e biolóxico da ría, un traballo do que se anunciou en novembro dese ano a participación do Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) na súa elaboración.

Neste sentido, a titular de Mar solicítalle ao Goberno do Estado que facilite as conclusións do estudo e a súa exposición ao sector afectado ao entender que este informe pode axudar na determinación das medidas e na adopción de iniciativas en favor do sector marítimo-pesqueiro da ría de Ferrol.

A Consellería do Mar confía en que a colaboración entre todas as institucións implicadas e o sector afectado contribuirá a avanzar na mellora do estado da ría de Ferrol e redunde no beneficio dos profesionais do sector marisqueiro que dependen dos recursos extraídos dos seus bancos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 17/02/2020