Un total de 39 novos proxectos empresariais reciben formación e asesoramento na nova edición dos coworkings de Celanova-A Limia e O Ribeiro

Comeza a quinta convocatoria da aceleradora celanovesa promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que 20 participantes desenvolverán as súas iniciativas

O novo espazo posto en marcha en Cenlle inicia tamén mañá as actividades para achegar formación e asesoramento especializados a 21 emprendedores

Ourense, 17 de febreiro de 2020

A consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe a quinta edición do coworking de Celanova-A Limia, na que participan 20 iniciativas de emprendemento que recibirán formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades durante os próximos cinco meses. Súmanse aos 19 proxectos que se acelerarán no coworking do Ribeiro que, na súa sede en Cenlle, abrirá as súas portas por vez primeira a partir de mañá.

Nos proxectos participantes na quinta convocatoria do coworking de Celanova –con 21 emprendedores, 11 mulleres e 10 homes– inclúense diferentes sectores produtivos, como a agroalimentación, a artesanía sostible e a revalorización dos recursos do territorio; a moda especializada; e os servizos culturais, deportivos e de lecer, entre outros.

Pola súa banda, o coworking do Ribeiro, centrado na promoción da agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, acolle na súa primeira edición a 21 emprendedores, 12 mulleres e 9 homes, para desenvolver iniciativas de fabricación e envasado de aceite de oliva ecolóxico e vinagre artesán, exportación de produtos ecolóxicos, granxas tradicionais, cosmética natural, moda creativa, servizos culturais, de promoción e venda en liña e turismo cultural, medioambiental e deportivo.

Estes días están a comezar tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos da rede promovida pola Xunta, que nesta edición conta con tres novas aceleradoras, unha delas que se presenta mañá no Ribeiro. Xunto cos xa activos, estarán en funcionamento un total de 10 espazos de coworking.

Por primeira vez en Cenlle

Como o espazo de Cenlle, os outros dous coworking que se activan este ano acelerarán iniciativas relacionadas con actividades específicas. Así, o de Palas de Rei (Lugo) centrarase no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea, mentres que a aceleradora que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela, Ferrolterra (con sede en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa), ademais da de Celanova-A Limia. A rede de espazos coworking forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2020