A Xunta demanda medidas efectivas que rebaixen o prezo da electricidade e presentará alegacións ao estatuto electrointensivo do Goberno

Feijóo salienta que a decisión do Estado de incrementar o número de posibles empresas beneficiarias de 119 a 600 favorece sobre todo a Cataluña e País Vasco e prexudica a Galicia

Demanda a necesidade de desenvolver unha política fiscal que grave con menos impostos a enerxía que consomen as empresas hiperelectrointensivas e establecer contías como as que había anteriormente no ámbito do CO2 e no eido da ininterrompibilidade

Incide en que este estatuto é a acta de defunción das empresas que utilizan a enerxía como materia prima determinante nos seus custes e pide ao Goberno central que deixe sen efecto este texto, acepte as alegacións e chegue ao 29 de febreiro cun texto consensuado entre os traballadores e as administracións públicas
 

Cervo (Lugo), 17 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha reunión co comité de empresa de Alcoa para, tras valorar a situación actual do sector, demandar medidas efectivas que rebaixen o prezo da electricidade e presentar alegacións ao novo estatuto electrointensivo do Goberno.

“Lamentablemente, segundo van avanzando os meses estamos cada día nunha situación máis delicada. Comprendemos e compartimos a inquietude do comité de empresa e das familias”, aseverou incidindo en que non só se trata dun problema que afecta aos 2.000 traballadores da planta de San Cibrao, senón tamén a un conxunto de empresas na provincia da Coruña; “estamos a falar dun total de 5.000 familias sen viabilidade nos seus postos de traballo nos próximos meses”.

Ao longo do encontro, Feijóo denunciou que o novo estatuto das industrias electrointensivas, presentado hai unha semana, en vez de ser unha garantía para que estas empresas sexan viables é “a sentenza clara” para que vaian pechando de forma consecutiva. “Este estatuto é a acta de defunción das empresas que utilizan a enerxía como materia prima determinante nos seus custes”, abundou, referíndose tamén á decisión do Estado de incrementar o número de posibles empresas beneficiarias pasando de 119 a 600; un incremento que favorece sobre todo a Cataluña e País Vasco e que, pola contra, prexudica ás industrias que consumen máis electricidade como é o caso de Galicia.

Sobre este punto, Feijóo lembrou que Galicia leva 11 anos traballando para que Alcoa teña prezos competitivos da luz. E “ata 2018 conseguímolo”, dixo, precisando que mentres o prezo da luz ata esa data estaba entre os 35 e os 37 euros por megavatio/hora, agora está entre os 47 e os 55 euros por megavatio/hora, un prezo que fai que Alcoa non sexa viable.

Diante desta situación, o titular da Xunta aseverou que as alegacións que presentará o Executivo autonómico, “coincidentes co comité de empresa de Alcoa”, entran dentro do marco europeo e da potestade fiscal que ten España para regular os impostos que gravan a enerxía. Ao respecto, incidiu na necesidade de desenvolver unha política fiscal que grave con menos impostos a enerxía que consomen as empresas hiperelectrointensivas; así como establecer contías como as que había anteriormente no ámbito do CO2 e no eido da ininterrompibilidade. Unhas medidas que se aplican en Francia e Alemaña e que tamén se viñan aplicando en Galicia.

“En definitiva, estamos a falar dun borrador que supón a acta de defunción das empresas electrointensivas”, reiterou, insistindo en que o Goberno central ten que deixar sen efecto este texto, “aceptar as alegacións que presentaremos o día 20 deste mes e chegar ao 29 de febreiro cun texto consensuado entre os traballadores e as administracións públicas”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2020