A Policía Autonómica leva a cabo 112 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, realiza diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 112 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 14 concellos galegos entre o 10 e o 16 de febreiro de 2020. Nestes controis identificáronse a 63 persoas e levantáronse 9 actas de infracción.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 41 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Barro, Lalín, Lugo, Mos, Ponteareas, O Porriño, Pontevedra, Redondela, Ribeira, Santiago de Compostela, Tui e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 63 persoas e inspeccionadas 112 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 9 actas de infracción, todas elas por consumo de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2020