O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou hoxe na Coruña nunha charla con alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Relacións Laborais
Conde apela á importancia do diálogo social para adaptar o marco laboral á nova realidade económica

Destaca o esforzo da Xunta e os interlocutores sociais e económicos por alcanzar acordos, desde a negociación colectiva, para contar con normativas axustadas aos novos tempos

Apunta que o mercado laboral do mañá non será como o de hoxe, e o contexto actual obríganos a estar atentos porque as relacións laborais están nun momento de evolución constante
 

A Coruña, 17 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a importancia do diálogo social para adaptar o marco laboral á nova realidade económica. Fíxoo durante unha charla con alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña.

O conselleiro puxo de manifesto o esforzo da Xunta e os interlocutores sociais e económicos por alcanzar acordos, desde a negociación colectiva, para contar con normativas acordes aos novos tempos, cunha formación adaptada ás novas necesidades das empresas, para identificar novos sectores e oportunidades laborais, e para potenciar o talento.

Segundo recoñeceu, o mercado laboral do mañá non será como o de hoxe, e o contexto actual obríganos a estar atentos porque as relacións laborais están nun momento de evolución constante. Por iso sinalou que a clave está en que todos os axentes -administracións, centros de coñecemento e de formación, empresas e persoas traballadoras- colaboren para deseñar as ferramentas que nos permitan estar preparados.

A través do diálogo social, engadiu, é máis doado cumprir obxectivos e avanzar en prioridades como a igualdade e a inclusión social, a contratación pública socialmente responsable, a transformación tecnolóxica da industria, a transición enerxética xusta e a modernización das relacións laborais. E, da mesma maneira, tamén é máis fácil dar resposta a desafíos como sortear a fenda dixital, potenciar o emprego xuvenil e impulsar a formación, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/02/2020