A conselleira do Mar acompañou ao alumnado do CEIP do Foxo no obradoiro da iniciativa ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’
A Xunta renovará este ano as súas campañas de promoción do consumo dos produtos do mar entre os escolares galegos

O Executivo galego traballa na actualización e mellora antes do verán das campañas ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ e ‘O sabor da aventura está no mar’ co obxectivo de dotalas dunha imaxe máis atractiva e amena para os rapaces

Rosa Quintana anima aos alumnos do CEIP do Foxo a consumir conservas de peixe e marisco de xeito habitual e resalta a importancia de incluílos na dieta para contar cunha vida máis saudable

A Estrada (Pontevedra), 18 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou hoxe aos alumnos do CEIP O Foxo no obradoiro da iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata, na que animou aos participantes a consumir conservas de produtos do mar de xeito habitual e resaltou a importancia de incluír estes alimentos na dieta para contar cunha vida máis saudable. Este tipo de accións, lembrou a titular de Mar, contribúen a elevar o consumo de peixes e mariscos entre a poboación máis nova, polo que a Xunta ten previsto actualizalas e renovalas antes do verán para adaptalas ás novas xeracións.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou a transcendencia de transmitirlle aos rapaces de xeito ameno e na súa linguaxe a importancia de consumir este tipo de produtos, polo que Galicia está en pleno proceso de actualización das campañas vixentes para que conten con accións modernas e frescas adaptadas aos novos tempos e con novos contidos para facelas máis atractivas.

Neste sentido, a acción Ponlle as pilas ao teu bocata -pensada para fomentar o consumo de conservas de produtos do mar entre os escolares a través de actividades nos colexios de educación primaria e nos campamentos de verán- iniciará unha nova etapa na que o pan e a lata se converterán nos protagonistas principais e os obradoiros, dunha hora de duración, estarán estruturados en tres fases para mellorar os seus resultados.

Nunha primeira fase didáctica mostraráselle aos nenos de xeito creativo a importancia de incluír as conservas de produtos do mar na dieta e a relevancia de preservar os recursos mariños. Na segunda, a lúdica, fomentarase o consumo e o interese polo coñecemento das conservas a través das personaxes da campaña -Pan e Lata- e na terceira, de degustación, aprenderán a manipular os produtos do mar, farán o seu propio bocadillo e degustarano.

Esta mesma estrutura mantense na campaña O sabor da aventura está no mar, que ten entre os seus obxectivos familiarizar aos rapaces coa pesca e coa acuicultura, fomentar o consumo de produtos do mar frescos e que os cativos coñezan e diferencien as distintas especies de peixes e mariscos. Os obradoiros desenvolveranse nas escolas de infantil, primaria e secundaria de Galicia, nos campamentos de verán e noutras actividades culturais, ao tempo que haberá excursións a distintos portos e lonxas da comunidade para coñecer algúns dos lugares nos que se traballa con eses produtos.

Accións anteriores

Estas dúas iniciativas chegaron desde 2010 a máis de 150.000 escolares de toda Galicia de entre 3 e 16 anos e agora sométense a un proceso de renovación para contar cunha linguaxe máis moderna e fresca que será visible tamén na imaxe das súas ferramentas web. Con esta actualización preténdese mellorar unhas campañas que no seu día foron premiadas pola Comisión Europea como exemplos de boas prácticas para o fomento do consumo de produtos saudables.

Esta renovación de Ponlle as pilas ao teu bocata e de O sabor da aventura está no mar segue ademais os pasos da campaña galega destinada aos millennials Vai de Peixe, que pretende favorecer o aumento do consumo de produtos do mar entre a xente nova a través das redes sociais, os medios máis empregados polas novas xeracións para comunicarse, e cunha linguaxe adaptada a elas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 18/02/2020