A Xunta instala dúas marquesiñas na estrada LU-113 en Castro de Rei para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que un dos refuxios está situado nas proximidades do cemiterio de Duarría e o outro en Bagoi

Castro de Rei (Lugo), 18 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de instalar dúas marquesiñas na estrada LU-113 ao seu paso polo concello de Castro de Rei para mellorar o servizo ás persoas usuarias do transporte público.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que unha marquesiña está situada en Duarría, nas proximidades do cemiterio, e a outra no cruzamento de Bagoi.

A súa instalación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público impulsado pola Xunta, que contempla a instalación de marquesiñas nas que se emprega madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.

Balseiro destacou que as dúas novas infraestruturas instaladas en Castro de Rei contribuirán a protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas e a facer máis cómoda e segura a espera. En toda Galicia serán instaladas 180 novas marquesiñas no marco deste plan de mellora.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2020