Bota a andar a primeira edición do Coworking de Palas de Rei, con 16 proxectos empresariais vinculados ao Camiño de Santiago, á artesanía ou o comercio en liña

Un total de 18 emprendedores desenvolverán, entre outras, iniciativas relacionadas coa atención aos peregrinos, a cosmética natural, as casas prefabricadas en madeira ou o envellecemento activo

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento do resto dos dez espazos apoiados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI)
 

Palas de Rei (Lugo), 18 de febreiro de 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe a primeira edición edición do coworking de Palas de Rei, no que participan os promotores de 16 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.

As actividades dos 18 emprendedores -10 mulleres e 8 homes- que participan nesta aceleradora centraranse, por exemplo, na atención aos peregrinos que fan o Camiño de Santiago para promover o emprendemento na Ruta Xacobea. Así, desenvolveranse proxectos que ofertan servizos de aloxamento, terapéuticos, de inmersión lingüística ou actividades de ocio. Xunto con isto, outras das temáticas serán a fabricación de instrumentos musicais, a comercialización de roupa en liña, a elaboración de cosmética natural, o cohousing, para fomentar o envellecemento activo, ou a comercialización e deseño de casas prefabricadas onde a madeira é a protagonista.

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta que, ademais da de Palas de Rei, nesta edición contará con outras dúas novas aceleradoras. Así, a do Ribeiro, situada no municipio ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular. E o espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol); O Salnés (Vilanova de Arousa) e a da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2020