A Xunta publica a orde que facilita a execución de obras menores nas marxes das estradas autonómicas e locais sen autorización autonómica

O Diario Oficial de Galicia recolle o modelo de comunicación previa para desenvolver actuacións menores nas estradas, que debe presentarse cunha antelación mínima de 15 días ao seu inicio e executarse no prazo máximo de 1 ano

Trátase de obras menores como o pintado e impermeabilización de fachadas, o cambio de fiestras e substitución de tellados, así como calquera outra actuación de mera conservación e mantemento de edificacións, instalación e peches

Esta figura da declaración responsable é introducida pola Xunta a través da Lei 7/2019 de 23 de decembro de medidas fiscais e administrativas e modifica a Lei de estradas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar a orde que facilita a execución de obras menores nas marxes das estradas das entidades locais e autonómicas sen autorización da Xunta, e que permite que desde o pasado 1 de xaneiro se poidan iniciar aos 15 días da comunicación previa ante a Administración titular da estrada.

Para seguir avanzando, esta semana o departamento de Infraestruturas da Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a orde polo que establece o modelo normalizado para a presentación da declaración responsable en estradas autonómicas, para a execución de obras de conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches sitos na zona de servidume ou na zona de afección das estradas.

Trátase de actuacións menores, para as que debe presentarse cunha antelación mínima de 15 días ao inicio das obras unha declaración responsable ante a Administración titular da estrada, debendo executarse as mesmas no prazo máximo dun ano desde a súa presentación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade favorece así a declaración responsable nas obras menores como o pintado e impermeabilización de fachadas, o cambio de fiestras, a substitución de tellados, así como calquera outra actuación de mera conservación e mantemento de edificacións, instalación e peches. Ata o momento, estas actuacións menores requirían unha autorización administrativa cun prazo de tramitación de ata 6 meses

Esta comunicación previa afectan así a aqueles traballos de escasa complexidade técnica e que non produzan cambio de uso nin incremento de volume edificado por encima ou por debaixo da rasante da estrada, nin que afecta á estrutura ou á cimentación da mesma.

Deste xeito outras traballo menores, como os que requiren a ocupación da zona de dominio público - 2 metros en estradas convencionais- con algún elemento auxiliar como andamios, guindastres ou calquera outro, precisan obter a correspondente autorización.

Cómpre sinalar que esta figura da declaración responsable é introducida pola Xunta a través da Lei 7/2019 de 23 de decembro de medidas fiscais e Administrativas e que modifica a Lei 8/2013 do 28 de xuño de estradas de Galicia.
 

Data de actualización: 18/02/2020