A Xunta destina 5 millóns de euros a equipamento dos centros tecnolóxicos galegos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG a convocatoria para o fortalecemento de centros de xeración de coñecemento mediante a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade

Esta liña de axudas, cofinanciada a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ten como obxectivo mellorar a excelencia investigadora dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación e das súas tarefas de transferencia ao tecido produtivo

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para mellorar o equipamento dos centros tecnolóxicos e dos centros de apoio á innovación mediante a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade para o desenvolvemento dunha I+D punteira. O obxectivo desta liña de apoios, que dá continuidade a unha primeira convocatoria publicada en 2018 e dotada con 5 millóns de euros cofinanciados a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, é mellorar a excelencia investigadora dos centros tecnolóxicos galegos e as súas tarefas de transferencia ao tecido produtivo.

Fortalecendo os centros tecnolóxicos increméntanse as capacidades do Sistema Galego de Innovación, que pode ofrecer ao tecido produtivo a través deles os servizos necesarios de experimentación e proba para poñer no mercado produtos e servizos innovadores que melloren a súa competitividade e, polo tanto, o crecemento da economía galega.

Beneficiarios e requisitos

Poderán beneficiarse destas axudas os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica galegos que estean inscritos no rexistro estatal de centros regulado polo Real Decreto 2093/2008 de 19 de decembro. A única modalidade de participación é a individual, pero valorarase o carácter compartido das infraestruturas, a través da presentación dun plan de explotación conxunta con outros centros.

Ademais, será requisito o acceso aberto a varias entidades usuarias externas de xeito transparente e non discriminatorio. No caso de que unha empresa financie polo menos un 10% dos custos da infraestrutura, poderá beneficiarse dun acceso preferente en condicións máis favorables.

O tipo de infraestruturas subvencionable é equipamento científico e técnico e/ou programas e aplicacións informáticas de carácter especializado e técnico, que teñan un efecto incentivador. O orzamento mínimo subvencionable de cada proxecto será de 100.000 euros e a intensidade da axuda poderá acadar o 50% dos custos subvencionables.

O obxectivo final será xerar coñecemento e mellorar a súa transferencia á industria, e acadar un ecosistema de financiamento da I+D+i sostible.

Data de actualización: 18/02/2020