O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe con representantes das principais empresas electrointensivas
Conde subliña a unidade clara e a visión compartida entre a Xunta e a industria electrointensiva para presentar as alegacións ao estatuto do Goberno

Na xuntanza, o conselleiro tivo ocasión de avaliar coas empresas o documento, como tamén fixo onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun encontro cos traballadores de Alcoa San Cibrao

Afirma que se trata de ter “unhas medidas que realmente reflictan as necesidades que neste momento teñen as empresas, máis, “nun contexto no cal o borrador nos pon nunha situación peor que a de partida”

Lamenta que o Goberno estea a utilizar a política enerxética como “un instrumento de discriminación territorial” cando neste proceso de transición enerxética a prioridade ten que ser o emprego e dar resposta ás necesidades do sector

Critica que o Goberno non estea a mostrar con Galicia a mesma sensibilidade que con outras comunidades como Cataluña e País Vasco, ao incrementar o número de posibles empresas beneficiarias de 119 a 600

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a “unidade clara e a visión compartida” entre a Xunta e a industria electrointensiva á hora de presentar as alegacións ao Estatuto do Goberno para que se poida establecer un prezo eléctrico competitivo. Así o manifestou logo de manter un encontro con representantes das principais empresas galegas deste sector.

Na xuntanza, o conselleiro tivo ocasión de avaliar coas elas o Estatuto do Goberno, como tamén fixo onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun encontro cos traballadores de Alcoa San Cibrao. A conclusión, segundo Conde, é que o Goberno perdeu máis dun ano nun Estatuto que non dá resposta ao que esta industria precisa e demanda.

“Trátase de ter unhas medidas que realmente reflictan as necesidades que neste momento teñen as empresas, máis, nun contexto no cal o borrador nos pon nunha situación peor que a de partida”, abondou. Segundo dixo, o escenario é peor porque “as empresas electrointensivas que máis axudas necesitan reciben menos e, ao mesmo tempo, ábrese a máis de 450 empresas que antes non estaban no sistema de consumidores electrointensivos para que se poidan beneficiar”.

Neste sentido, lamentou que, ao incrementar o número de posibles empresas beneficiarias, o Goberno non estea a mostrar con Galicia a mesma sensibilidade que con outras comunidades como Cataluña e País Vasco, prexudicando ás industrias galegas que consomen máis electricidade.

O conselleiro censurou que o Goberno estea a utilizar a política enerxética como “un instrumento de discriminación territorial” cando neste proceso de transición enerxética a prioridade ten que ser o emprego e dar resposta ás necesidades o sector. “O Goberno estalle dicindo un non á industria electrointensiva en Galicia e en España”, enfatizou, para sinalar que deixa de lado medidas que xa se están aplicando noutros países.

Medidas como as que Galicia vai presentar como alegacións e que incidirán na necesidade de categorizar os consumidores electrointensivos incluíndo a figura do hiperelectrointensivo; en establecer medidas compensatorias en función da categoría do consumidor e compensacións polas emisións de indirectas de dióxido de carbono nos importes máximos previstos na normativa comunitaria; e, ademais, no mantemento do servizo de interrompebilidade.

Fronte a isto, criticou que o borrador presentado polo Executivo central non recoñece a figura do consumidor hiperelectrointensivo, nin recolle descontos nas peaxes de transporte, nin a compensación do imposto de xeración e tampouco garante a rebaixa do prezo eléctrico ata os 35-40 euros por megavatio/hora.

As alegacións que vai presentar Galicia “cunha única voz”, proseguiu, son “previsibles, porque xa llas temos trasladado ao Goberno; realistas, porque buscan encontrar un prezo competitivo; e legais, porque son medidas que xa se están aplicando noutros países de Europa”. “É cuestión de vontade política”, dixo, e reiterou que de non ser incluídas no borrador do Estatuto, “faise inviable o sector”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2020