A Xunta aposta por promover o asociacionismo veciñal para contribuír á mellora da calidade de vida local

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a Asociación Veciñal Novo Vigo de Navia

Alfonso Rueda incidiu na importancia da colaboración da Xunta para dotar ás asociacións de locais veciñais adecuados onde levar a cabo as súas actividades
 

Vigo, 18 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante a súa visita á Asociación Veciñal Novo Vigo de Navia, a importancia de promover o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal en beneficio da mellora da calidade de vida local.

Alfonso Rueda visitou os locais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) cedidos pola Xunta a esta organización veciñal para levar a cabo as súas actividades. Trátase de tres locais contiguos situados na mesma rúa que a sede da asociación e que suman 250 metros cadrados. Á visita tamén asistiron o director xeral do IGVS, Heriberto García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que a cooperación entre a iniciativa social e a Administración autonómica e fomentar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social da súa contorna, redunda en medidas que contribúen en mellorar o benestar de toda a veciñanza.

Nesta liña, ademais da orde de axudas que cada ano convoca a Vicepresidencia para mellorar os locais das asociacións veciñais e o seu equipamento, tamén considera preciso “a colaboración da Xunta para levar a cabo outras actuacións que requiren unha atención concreta como é o caso desta cesión de locais e ver as posibilidades para o seu acondicionamento”. Alfonso Rueda sinalou a necesidade desta colaboración “nunha zona de expansión como Navia que conta cunha importante actividade veciñal e que, por tanto, require de locais adecuados”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/02/2020