Ovidio Rodeiro informa que o venres 21 de febreiro remata o prazo para solicitar as axudas para impulsar as infraestruturas e servizos dos parques empresariais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un total de 7,9M€ aos apoios para a mellora de infraestruturas, creación de viveiros e as novas axudas para reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica

Os Concellos Emprendedores terán prioridade á hora de acceder a estas tres convocatorias cuxo prazo remata este venres 21 de febreiro

Ovidio Rodeiro visitou un dos polígonos industriais beneficiados o ano pasado por estas achegas
 

Oroso (A Coruña), 19 de febreiro de 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o polígono industrial de Sigüeiro en Oroso, para informar que o próximo venres, 21 de febreiro, rematará o prazo para solicitar as axudas para impulsar as infraestruturas e servizos dos parques empresariais da provincia.

A Xunta abriu un total de tres convocatorias de axudas cun orzamento global de 7,9M€ cos que se agarda mobilizar preto de 10M€ e apoiar unha trintena de iniciativas. Deste xeito, os polígonos industriais axudarán a que as empresas xa instaladas gañen en competitividade e contribuirán á captación de novos investimentos industrias en Galicia.

A Xunta volveu a convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais cun orzamento de 2,5M€. O Goberno autonómico financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén se apoiarán proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.

A principal novidade este ano é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica (ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinarán 4,4M€ entre 2020 e 2021. O obxectivo é cubrir a necesidade dos parques empresariais galegos de contar cun abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que acheguen seguridade e calidade ás demandas das empresas instaladas. Así apoiarase que os parques conten con redes coa capacidade adecuada para que as compañías, tanto actuais como as que se asenten no futuro, poidan crecer e ter un servizo de calidade. A intensidade da axuda será dun 80% ata un máximo dun millón de euros por solicitude (cada parque poderá presentar unha solicitude a través do concello no que estea instalado)


Creación de viveiros industriais

Finalmente, con respecto ao programa para financiar a creación de viveiros industriais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá un millón de euros nesta actuación coa que apoia todos os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear un viveiro empresarial. O financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo total do proxecto, sendo o límite do apoio de 240.000 euros por solicitude.

O representante do goberno autonómico destacou que “con esta iniciativa a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e con apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020