O titular de Medio Rural visitou en Lousame o miradoiro da Muralla e as instalacións da SAT Santa Lucía
A Xunta apoia ao sector agrario a través de medidas de dinamización que permiten ofrecer novas alternativas no rural

O conselleiro puxo en valor medidas como os proxectos senlleiros, que defenden e promocionan os valores culturais de Galicia, actuando na conservación e difusión do patrimonio cultural

José González lembrou que están abertos os prazos para solicitar as axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións, ademais das achegas da PAC con máis de 216 millóns de euros

Defendeu a rendibilidade das explotacións e insistiu en que os prezos neste sector produtivo débense construír a partir dos custos de produción máis un marxe de beneficio

Destacou que a estratexia de dinamización do sector lácteo vai traballar cun observatorio que permitirá determinar eses custos de produción por rango de explotación

Lousame (A Coruña), 19 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá no concello de Lousame o miradoiro da Muralla, que recibiu unha axuda como proxecto senlleiro ao dinamizar esta zona e potenciar o turismo asociado á natureza. Nesta visita tamén estiveron o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e a alcaldesa deste municipio coruñés, María Teresa Villaverde.

Así, o conselleiro salientou que unha das fórmulas para impulsar o sector agrario na nosa comunidade é levar a cabo medidas de dinamización, que permiten ofrecer novas alternativas de emprego e potenciar os recursos endóxenos do rural. Neste contexto, puxo en valor os proxectos senlleiros, pois permiten defender e promocionar os valores culturais de Galicia, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural.

Neste caso concreto, sinalou José González, a construción deste miradoiro nun entorno natural protexido e con materiais que respecten as condicións medioambientais convérteno nun reclamo para excursionistas e sendeiristas. Polo tanto, indicou o titular de Medio Rural, aunar sinerxías como poden ser o turismo e a natureza permiten dinamizar o rural e potenciar os valores culturais e tradicionais da nosa xeografía.

Seguidamente, o conselleiro trasladouse ao lugar de Xestoso para coñecer de primeira man as instalacións da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Santa Lucía. Alí, José González aproveitou para lembrar que aínda está aberto o prazo para solicitar as axudas de plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e desenvolvemento de pequenas explotacións, achegas das que tamén a SAT Santa Lucía foi beneficiaria.

Durante a visita, o conselleiro defendeu a rendibilidade das explotacións e insistiu en que os prezos neste sector produtivo débense construír a partir dos custos de produción máis un marxe de beneficio, polo que, recalcou, é necesario prohibir as vendas a perdas a través dunha modificación do marco lexislativo estatal.

Sobre este tema, o conselleiro matizou que a Xunta está tamén a actuar pola súa parte e destacou que a estratexia de dinamización do sector lácteo vai traballar cun observatorio, que permitirá determinar os custos de produción por rango de explotación. Un estudo que tamén determinará os custos de produción noutros eidos produtivos como o vitícola ou o cárnico, entre outros.

Finalmente, o titular de Medio Rural lembrou que dende hoxe se poderán solicitar as axudas da PAC, que este ano contan cun orzamento de máis de 216 millóns de euros. Relativo a estas achegas europeas, o conselleiro reafirmou a lealdade institucional co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e incidiu en que Galicia aportará argumentos sólidos para defender esta negociación en Europa e que se visibilice a nosa comunidade como unha potencia agropecuaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020