A Xunta forma ao sector forestal no aseguramento da rastrexabilidade da madeira

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal presentou o proceso de alta na plataforma e da comunicación anual de datos

Traballadores de industrias madeireiras coñeceron o manexo do rexistro de empresas do sector forestal e o procedemento da administración electrónica da Xunta, que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela

Santiago de Compostela, 19 de febreiro do 2020

A Consellería do Medio Rural organizou esta mañá unha xornada formativa sobre o Rexistro de empresas do sector forestal de Galicia e o procedemento da administración electrónica do Goberno galego, que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela para asegurar a legalidade da comercialización da madeira.

O encontro, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), contou coa colaboración da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo (Lugomadera), e coa participación de traballadores de distintas empresas do ramo.

No encontro, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, presentou os procesos cos que se pretende facilitar o máis posible as altas e comunicacións anuais de datos ao Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor).

Neste rexistro están inscritas as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto as que realizan traballos forestais nos montes galegos como aquelas con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais.

As entidades inscritas neste rexistro deben cumprimentar unha comunicación anual de datos que deixe constancia da súa actividade –cortas, compras ou vendas, entre outros– mediante un procedemento electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O obxectivo deste rexistro é facilitar a cumprimentación das declaracións responsables en materia de legalidade da madeira, establecida pola Unión Europea no regulamento 995/2010, coñecido coma regulamento EUTR (European Union Timber Regulation) e do Real decreto estatal 1088/2015 para asegurar a legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira. Esta comunicación anual en Resfor substitúe á obrigada declaración responsable de madeira legal, toda vez que os datos son comunicados de oficio informaticamente ao Ministerio, que á súa vez os dirixe á Comisión Europea.

Estas xornadas, unha demanda do sector da madeira, pretenden explicar as obrigas ás que están sometidas as empresas, ademais de fixar os conceptos básicos sobre quen está obrigado a presentalas, explicar as novidades da aplicación informática e resolver dúbidas e suxestións.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 19/02/2020