As conselleiras do Mar e de Medio Ambiente visitaron a estación océano-meteorolóxica de Cortegada, do Observatorio costeiro integral para Galicia
Galicia contribúe á xestión sustentable do medio ambiente e dos recursos mariños coa medición constante das condicións océano-meteorolóxicas

Desde hai máis de dez anos o Observatorio costeiro da Xunta de Galicia ofrece información da costa galega de grande utilidade para a investigación e a toma de decisións por parte das administracións

Esta ferramenta conta cunha rede de observación con seis plataformas automáticas fixas no mar, entre elas a de Cortegada, 43 estacións oceanográficas, un sistema radar de alta frecuencia combinado de catro estacións e 70 estacións meteorolóxicas

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de febreiro de 2020

As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaron hoxe a estación océano-meteorolóxica de Cortegada, unha das que compoñen o Observatorio costeiro da Xunta de Galicia, que desde hai máis dunha década ofrece de xeito integrado información océano-meteorolóxica da costa galega de grande utilidade para a investigación, a toma de decisións por parte das administracións e o desenvolvemento de servizos relacionados cos usos e a protección do medio ambiente costeiro.

Durante a visita á batea na que está a estación de Cortegada e que se realizou en catamarán, as representantes do Goberno galego puxeron de relevo a colaboración das consellerías do Mar, a través do Intecmar e do Cetmar, e de Medio Ambiente, a través de Meteogalicia, no desenvolvemento deste observatorio. Unha ferramenta que, explicaron, posiciona a Galicia a nivel mundial no campo da oceanografía operacional mediante a súa colaboración con outros observatorios nacionais e en foros internacionais.

Para o coñecemento do medio ambiente o observatorio componse de catro piares, tal e como expuxo na visita a directora do Intecmar, Covadonga Salgado. O principal é a rede de observación, que conta con seis plataformas fixas no mar, entre elas a de Cortegada, con medidas automáticas e que ofrecen datos en tempo real sobre a temperatura da auga, salinidade, meteoroloxía e correntes.

A estas plataformas engádense 43 estacións oceanográficas nas que se obteñen datos semanais de parámetros como salinidade, osíxeno e temperatura, entre outros. Tamén conta, en colaboración con Portos do Estado, cun sistema radar de alta frecuencia combinado de catro estacións que permite obter información en tempo real sobre a intensidade e a dirección das ondas. Os datos que recolle esta rede poden consultarse libremente no sitio web do Intecmar.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou que esta rede de observación se completa coas 70 estacións meteorolóxicas, distribuídas por toda a xeografía galega, nas que se obtén información relativa a vento, temperatura e humidade, entre outros aspectos e que se poden consultar na web de Meteogalicia; e que son de grande utilidade para o sector pesqueiro marisqueo e para actividades do percebeiros, indicou.

O segundo dos piares é a infraestrutura de predición que consta de diversos modelos numéricos que permiten unha predición das condicións océano-meteorolóxicas de alta precisión. O sistema de xestión da información é a terceira parte que comprende o observatorio que permite unha utilización da información, tanto recollida como dos produtos elaborados, áxil e dispoñible nas redes propias e nas plataformas internacionais. O cuarto piar constitúeno os produtos e servizos específicos para os usuarios como a predición meteorolóxica de Meteogalicia, a ferramenta informativa para axudar aos percebeiros Percebegurú ou a monitorización das variables oceanográficas dispoñible na web do Intecmar.

Colaboración internacional

O Observatorio costeiro da Xunta de Galicia colabora con outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal a través da rede Raia, constituída para fortalecer unha infraestrutura de observación na marxe ibérica común á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que permitirá obter datos meteorolóxicos, oceanográficos e biolóxicos de xeito continuo, ademais de complementarse cos modelos preditivos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020