A Xunta leva traballando desde 2018 para evitar unha redución drástica dos fondos europeos no próximo período

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar a postura da Administración autonómica

Recordaron que é responsabilidade do Goberno do Estado aceptar ou bloquear a proposta orzamentaria que saia do Consello Europeo que se celebra mañá

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, aseguraron hoxe que a Xunta leva traballando desde 2018 para evitar unha redución drástica dos fondos europeos para o próximo marco orzamentario da Unión Europea 2021-2027.

Rueda e Gamallo compareceron en rolda de prensa para explicar a postura galega e as xestións realizadas ata o momento. Mañá, 20 de febreiro, celébrase en Bruxelas unha reunión extraordinaria do Consello Europeo co obxectivo de concitar acordo sobre o futuro marco orzamentario.

Neste sentido, lembraron que aceptar ou bloquear a proposta que saia da reunión de mañá é responsabilidade do Goberno central. Ademais, recordaron que se precisa unanimidade para que saia adiante, polo que non semella sinxelo que mañá mesmo se acade un acordo.

En calquera caso, cómpre ter en conta que o novo marco orzamentario preséntase dentro dun contexto de redución orzamentaria ineludible e xeral, debido fundamentalmente á saída do Reino Unido da Unión Europea.

Ante esta nova situación, a Xunta está a facer todo o que está na súa man e dentro das súas competencias para minorar a probable redución de fondos. Así, leva tempo defendendo en foros europeos e con reunións ao máis alto nivel a necesidade dunha política de cohesión forte, que atenda todas as rexións europeas -e, especialmente, a aquelas como Galicia e outras comunidades autónomas que descenden de categoría- para que non vexan reducida a súa asignación de fondos. Trátase dunha “situación complicada”, xa que “a pesar de baixar de categoría, como lle vai pasar moitas comunidades autónomas, poderíamos perder fondos, cando non debería ser así”, sinalou Rueda.

Do mesmo xeito, a Xunta tamén defende en Europa unha Política Agraria Común (PAC) e Política Pesqueira Común respectuosas coas singularidades de Galicia.

Ademais das negociacións no marco europeo, a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central, en varias ocasións e por distintas canles, a súa preocupación pola nova situación, unha postura que se espera que o Goberno central teña en conta nas negociacións que terán lugar mañá.

“Fixemos os deberes”, asegurou Rueda, “tivemos os movementos e reunións que sempre é necesario facer en Bruxelas como comunidade autónoma. Intentamos en todo momento coordinarnos co Goberno de España. Pero o certo e verdade é que mañá é unha reunión do Consello Europeo, unha reunión de estados, acudirá o presidente do Goberno. Xa lle transmitimos ao Goberno de España o moitísimo que Galicia se xoga e cales son os argumentos que nos levan a defender un nivel de fondos que son os que Galicia necesita”. En definitiva, “fixemos todo o que está na nosa man e agora corresponde a unha negociación entre gobernos”.

Nesta mesma liña, o vicepresidente trasladou “todo o apoio de Galicia para unha boa negociación” e mostrou a súa confianza que todo o traballo feito “e todo o que queda por facer, mañá ou en días sucesivos, dea un bo froito”.

Por último, lembraron que, aínda que se chegue a un acordo sobre o novo marco orzamentario, aínda restan negociacións e posibilidades para acadar solucións satisfactorias, en tanto o Goberno central disporá de partidas de Fondos que poderá redistribuír de acordo ás necesidades dos territorios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020