Xunta, Ecoembes e Federación Galega de Fútbol colaborarán para achegar a recollida selectiva a un cento de campos e instalacións

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a sinatura dun convenio en virtude do cal colocaranse contedores de envases lixeiros, papel e cartón e daranse charlas informativas a socios e afeccionados

Santiago de Compostela, 19 de febreiro do 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ecoembes e a Real Federación Galega de Fútbol colaborarán co fin de achegar a reciclaxe e a correcta separación dos residuos a aproximadamente un cento de campos e instalacións deportivas de clubs integrados nesta entidade. Así consta no convenio asinado esta tarde no Campus Sur da Universidade de Santiago co obxectivo principal de fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón no eido deportivo.

A conselleira lembrou que tanto os afeccionados como os propios xogadores adoitan consumir botellas de auga e comida durante os partidos de fútbol, un costume que non hai que cambiar pero si adaptar co fin de garantir tamén nos campos uns correctos hábitos de reciclaxe. Neste sentido, explicou que pequenos xestos como cambiar as “botellas de plástico” por outros envases reutilizables ou substituír o papel de aluminio por opcións de tea ou outros materiais para envolver o bocadillo son tamén unha boa contribución a fomentar a recollida selectiva e a concienciación da sociedade sobre o coidado do medio ambiente.

Cómpre lembrar que esta nova liña de colaboración enmárcase no convenio marco subscrito en 2017 entre a Xunta e Ecoembes (a organización que coordina en toda España a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks) no que se fixan os compromisos e obrigas que rexerán para ambas partes ata o ano 2021 en relación á recollida selectiva deste tipo de residuos.

Concretamente, o acordo asinado incluirá a instalación de papeleiras e colectores especiais dentro dos campos de fútbol pero tamén na zona de vestiarios e nas cantinas, naqueles casos en que dispoñan das mesmas. Ademais, Ecoembes e a Real Federación Galega de Fútbol tamén colaborarán ofrecendo charlas informativas e de divulgación en materia de reciclaxe dirixidas tanto aos seus socios como aos afeccionados.

Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na importancia e no “gran impacto” que terá este convenio para achegar a reciclaxe ao mundo do fútbol profesional galego, xa que, lembrou, a Federación agrupa a máis de 1.200 clubs de toda a comunidade e conta nestes momentos con aproximadamente 100.000 fichas expedidas.

Convenios con outras entidades deportivas

A implicación do deporte galego na promoción da separación de envases lixeiros, papel e cartón en clubs e instalacións vencelladas a distintas disciplinas deportivas experimentou un gran pulo desde o ano 2017, cando Ecoembes comezou a asinar convenios de colaboración con distintas entidades. Así, ademais da Real Federación Galega de Fútbol, tamén existen acordos co Obradoiro CAB, o Real Club Deportivo da Coruña, o Real Club Celta de Vigo, o Liceo Hockey ou o Santiago Futsal, entre outros.

A finalidade común de todas as accións que xa se están a desenvolver en colaboración con algunhas das entidades deportivas máis importantes de Galicia é contribuír ao impulso da economía circular no conxunto da comunidade e, neste caso concreto, no eido deportivo da alta competición.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020