'Rizoma', a nova exposición do premio nacional de fotografía Manuel Vilariño, chega á igrexa da USC da man da Xunta

Este espazo acollerá até o vindeiro 2 de abril un total de 20 fotografías deste artista, nun percorrido pola súa obra que arrinca nos anos 80 e chega á actualidade

Román Rodríguez afirmou que “unha nova mostra de Manuel Vilariño é sempre un gran acontecemento cultural
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela na apertura da mostra Manuel Vilariño. Rizoma. Un percorrido a través de 20 fotografías polos diferentes períodos creativos deste sobresaínte fotógrafo e poeta coruñés, que Román Rodríguez cualificou como “un gran acontecemento cultural”.

A mostra funciona como un itinerario polos diferentes períodos creativos de Vilariño desde os anos 80 ata a actualidade. Partindo do Mascato, que data desa década de actividade inicial, até outras moito máis recentes como Paisaxe con paxaro gris (2012). No percorrido aprécianse, ademais, as distintas técnicas usadas polo artista para a reprodución das fotografías, desde a xelatina de prata até o cibachrome.

Unha proposta plástica necesaria

O titular de Cultura destacou que nos tempos actuais “relatos e propostas plásticas como as de Manuel Vilariño fannos conectar de novo co importante, ollar cara a fóra e apreciar as estreitas, pero tamén fráxiles, relacións que mantemos coa natureza”. E concluíu a súa intervención poñendo de relevo que cando contemplamos estas fotografías “asomámonos non só a paisaxes ou elementos naturais concretos, senón tamén a un modo de concibir a existencia e as relacións entre o artista e o medio”.

No acto tomaron parte, ademais do conselleiro, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o artista, Manuel Vilariño; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e o comisario da mostra, José Luis Estévez. Poderá visitarse desde hoxe até o vindeiro 2 de abril na Igrexa da Universidade en horario de 16,30 a 19,30 h., de luns a xoves, e de 11,00 a 13,30 e de 16,30 a 19,30 h., o venres.

O ‘rizoma’ de Deleuze e Guattari

Rizoma fai alusión ao interese de Vilariño polo concepto filosófico desenvolvido por Deleuze e Guattari, no que se establece que calquera elemento pode incidir na concepción dos elementos dunha determinada estrutura. Deste xeito calquera punto do rizoma pode conectarse con outro punto dunha estrutura, sen necesidade dunha conexión a través dun tallo ou raíz. O rizoma é unha unidade heteroxénea, en contraposición á lóxica binaria onde as relacións entre puntos sempre obedecen a unha orde intrínseca e a unha homoxeneidade.

A traxectoria creativa de Vilariño responde a esta filosofía onde os diferentes elementos establecen relacións entre si sen necesidade dun fío condutor que os conecte. Nas súas fotografías, o artista captura instantes cunha gran carga poética e que transmiten ao espectador emocións que van máis alá da súa aparencia. O seu dominio da técnica contribúe a ofrecer unha visión persoal dos diversos elementos da natureza que aparecen na súa obra.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2020