A Xunta anima á mocidade a viaxar dentro da comunidade co programa Elixe Galicia, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 3 de marzo

A residencia LUG I acolleu unha xornada informativa sobre as condicións para participar a prezos reducidos e as rutas ofertadas

A iniciativa vai dirixida ao colectivo de menores de 30 anos e tamén ás familias con fillos menores de idade e aos pensionistas maiores de 55 anos

Inclúe catro modalidades de viaxes fóra da tempada estival con itinerarios e actividades en todas as provincias galegas, que no caso de Lugo inclúen visitas a varias localidades da Mariña, á capital luguesa e á Lagoa de Cospeito, entre outras
 

Lugo, 19 de febreiro de 2020

A residencia LUG I da cidade de Lugo acolleu hoxe unha xornada informativa organizada pola Xunta para dar a coñecer á mocidade o programa Elixe Galicia, impulsado pola Administración galega co fin de promover o turismo dentro da comunidade.

A xefa da área de Turismo de Lugo, Paloma Vázquez, explicou que ata o 3 de marzo pódese solicitar praza para viaxar a prezos reducidos nalgún dos tres períodos ofertados neste ano, que comezarán despois da Semana Santa e se prolongarán ata o 20 de xuño, e se retomarán despois do verán, a partir do 11 de setembro e durante os meses seguintes.

Esta iniciativa busca fomentar a actividade turística fóra da tempada alta e vai dirixida á xente nova menor de 30 anos, ás familias con fillos menores de idade e a pensionistas maiores de 55 anos. O Goberno galego financiará o 40% do custo das estadías, mentres que os beneficiarios achegarán o 60% restante.

O catálogo inclúe catro categorías de viaxes que permiten visitar destinos de todas as provincias galegas: ‘Vacacións en zonas costeiras’, ‘Rutas de Patrimonio Cultural’, ‘Rutas de Natureza’ e ‘Estadías en Balnearios’. A duración das estadías varía en función da modalidade elixida e vai de tres días (con dúas noites) a cinco días (con catro noites), principalmente en fin de semana.

No caso da provincia de Lugo, os itinerarios e actividades propostas inclúen visitas a varias localidades da Mariña, con paradas en lugares como a praia das Catedrais de Ribadeo, o Souto da Retorta de Viveiro, o centro histórico de Mondoñedo e a fábrica de Sargadelos ou o faro de Punta Atalaia de Cervo. Entre as diferentes opcións tamén se contemplan desprazamentos á cidade de Lugo e ao Espazo natural da Lagoa de Cospeito.

Na páxina web de Turismo de Galicia pódese consultar toda a información relativa ao programa e á presentación das solicitudes para participar. Ademais, os interesados poidan acudir a calquera axencia de viaxes da Comunidade para recibir información e asesoramento á hora de cubrir os impresos necesarios.
 

Data de actualización: 19/02/2020