A Xunta publica no DOG a aprobación do cambio de titularidade dun treito da estrada PO-190 a prol do Concello de Valga

A Xunta e o Concello de Valga asinaron un convenio de colaboración para o acondicionamento dun treito de case 500 metros desta vía

O Goberno galego achega un investimento de 365.000 euros para financiar as obras que executará o Concello, que tamén asumirá a titularidade do tramo

A transferencia formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do decreto para o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga do treito da estrada PO-190, entre os puntos quilométricos 0+070 e 0+550.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/39NJkUM

A Xunta e o Concello de Valga asinaron un convenio de colaboración para o acondicionamento do tramo da estrada PO-190, comprendido entre os puntos quilométricos anteriormente descritos.

O Goberno galego financia este proxecto mediante a achega dun investimento de case 365.000 euros.

Os traballos consisten na renovación da rede de augas pluviais na súa totalidade, solucionando así as carencias que presenta na actualidade. Tamén se renovarán as redes de abastecemento e alumeado e se soterrarán a rede eléctrica e tramos da telefónica.

Ademais levaranse a cabo a reconstrución das beirarrúas; a execución de varios muros, tanto de sostemento da estrada como de contención de terras; a rehabilitación do pavimento da calzada; e a substitución da sinalización horizontal e vertical.

No marco deste acordo, o Concello de Valga executará os traballos e asumirá a transferencia da titularidade do treito.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou tramos que estean incluídos no inventario da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta.

O cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, é dicir, a partir de mañá. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta.

Data de actualización: 20/02/2020