A Xunta publica o decreto de Ben de Interese Cultural do parque do Pasatempo avanzando na protección de novos tipos patrimoniais

Trátase dun xardín con características singulares e único na tradición galega, que dá conta do legado filantrópico do seu promotor, Juan García Naveira

Como aspecto novidoso, o decreto contempla a posible redacción dun proxecto ou plan de conservación, ao tempo que permite desenvolver e promover todas as actuacións patrimoniais necesarias para garantir a súa integridade

O ben declarado correspóndese coa parte superior do Parque orixinal e identifica como partes integrantes do mesmo a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

A Consellería de Cultura e Turismo vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), como ben inmoble coa categoría xardín histórico, do Parque do Pasatempo de Betanzos cumprindo así a folla ruta para garantir a súa protección e conservación futura. O elemento principal delimitado é o propio Parque, pero inclúe outros compoñentes sobranceiros como son a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche que, en conxunto, acreditan o seu valor cultural e singularidade tipolóxica.

A declaración do Parque do Pasatempo de Betanzos, como a da Terraza de Sada, implica avanzar na protección e recoñecemento patrimonial de novas tipoloxías e estilos arquitectónicos, correspondentes a momentos históricos recentes e que, até o momento, se atopan infrarepresentados tanto no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia como Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado. As devanditas declaracións supoñen a posta en práctica e a aplicación do previsto no capítulo dedicado ao patrimonio arquitectónico na Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia.

Durante a tramitación do expediente procurouse harmonizar un alto grao de consenso social coa salvagarda patrimonial. En concreto, recibíronse un total de 15 alegacións das que 14 delas se estimaron total ou parcialmente, o que supón unha aceptación superior ao 93%. Así mesmo, foron solicitados os preceptivos informes de dous órganos consultivos: a Real Academia de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega. Ambas institucións emitiron cadanseu informe en sentido favorable á declaración.

Réxime de protección

Como aspecto novidoso deste procedemento, o decreto contempla que se poderá desenvolver un Proxecto ou Plan de conservación do xardín histórico, que estableza os criterios para a súa futura conservación, mantemento, restauración, interpretación e difusión. Cómpre sinalar que a declaración non impide executar actuacións independentemente do desenvolvemento do proxecto de conservación.

De feito, ao abeiro do previsto no réxime de protección do ben, poderán promoverse todas as actuacións de mantemento e conservación preventiva, conservación, restauración e reestruturación necesarias para garantir a integridade, estabilidade e seguridade do parque e das súas partes para garantir a conservación dos valores culturais do xardín histórico.

Delimitación e contorno

O ámbito delimitado como BIC correspóndese coa parte superior do parque orixinal, sinalado en vermello no plano que se adxunta ao final da nota. Ademais, como xa se ten dito, identifícanse como partes integrantes do ben a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche.

Os restos ornamentais da casa da Taquilla e do estanque da Gruta, como elementos orixinais pertencentes ao parque, localizados na actualidade nas proximidades do muro do auditorio da parte baixa, serán obxecto de análise para establecer a viabilidade da súa reintegración ou as necesidades de conservación e interpretación noutro ámbito do conxunto.

Por outra banda, establécese un contorno de protección ‒identificado cunha liña de cor amarelo‒, axustado ás condicións de desenvolvemento de todo o ámbito. Neste, incorpóranse os predios próximos e sen desenvolver urbanisticamente, para garantir o control das actividades e evitar que se produzan afeccións que prexudiquen a interpretación e contemplación do ben. Sen embargo, non se incorporan aqueles predios que contan cun desenvolvemento urbano rematado, xa que o contorno definido resulta suficiente para establecer medidas de integración.

Uso público e control de acceso

O decreto prevé que o uso de espazo libre e público para o que foi concibido O Pasatempo é o máis axeitado. Non obstante, dada a súa extensión e fraxilidade, cómpre tomar en conta a necesidade de controlar o seu acceso, co gallo de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural.

Neste sentido, os accesos e percorridos poderán ser limitados en función das necesidades de conservación e as axeitadas condicións de seguridade e accesibilidade das persoas. Calquera outro uso deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do parque e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso e interpretación deste.

Un xardín único na tradición galega

O emigrante betanceiro Juan María García Naveira comezou a adquirir os terreos do Pasatempo no ano 1883 e iniciou a súa construción 10 anos despois. A maior parte do parque estaba construída no ano 1914. Non obstante, continuouse ampliando e modificando ata o ano 1933, cando morreu o seu promotor, do que algún autor deduce que o parque é unha obra inacabada, na que non se remataron as dúas últimas terrazas.

O Pasatempo é un xardín de características singulares, que o fan único na tradición galega. Representa un testemuño cualificado do compromiso filantrópico de García Naveira, que se enmarca no estilo e actitude ecléctica que caracterizou a arquitectura galega de finais do século XIX e principios do XX.

En conxunto, recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinaría europea, pero resulta único e excepcional pola mencionada actitude ecléctica desenvolvida polo seu creador e promotor, e por apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana. Trátase dunha obra de carácter territorial, que conxuga aspectos naturais e antrópicos e na cal se manifestan diversas formas de expresión artística (xardinaría, arquitectura, escultura, pintura etc.), cunha finalidade multidisciplinar.

Para concluír, o Parque posúe, ademais de valores históricos e antropolóxicos, un notable interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación divulgativa que podemos atopar en Galicia, onde por vez primeira se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX, o que lle valeu a denominación de Parque Enciclopédico.
 

Data de actualización: 20/02/2020