Nava Castro subliña a capacidade do sector para impulsar o progreso turístico de Galicia con planificación e solvencia

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe na apertura da xornada profesional ‘Retos para adaptarse ao cambio no sector turístico de Galicia’

Seguir xestionando o crecemento turístico de maneira equilibrada tanto temporal como territorialmente así como integrar e concienciar ás comunidades locais ao redor da actividade turística foron algúns dos desafíos aos que se referiu

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe a capacidade que os profesionais que se dedican ao sector turístico en Galicia están a demostrar para impulsar o progreso da Comunidade con planificación e solvencia. Así o manifestou na inauguración da xornada Retos para adaptarse ao cambio no sector turístico de Galicia, organizada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración con Caixabank e a Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE) celebrada hoxe en Santiago de Compostela.

A representante da Xunta recordou que aspectos como estes son claves á hora de prepararse para afrontar un futuro vez máis competitivo no que, dixo, “o sector e as administracións debemos seguir traballando coordinados para dar resposta ao que se espera de nós”. Neste sentido, seguir xestionando o crecemento turístico de Galicia dunha maneira equilibrada tanto temporal como territorialmente, así como ofrecer opcións que integren ás comunidades locais e axuden a concienciar aos turistas da importancia do coidado da contorna que visitan, foron algúns dos aspectos aos que se referiu como os vindeiros desafíos nos que seguir traballando.

Novos perfís profesionais

Desde o punto de vista da xestión do crecemento, tamén puxo de manifesto o impacto que as tecnoloxías están a ter tanto na maneira na que os viaxeiros organizan a súa viaxe como nas políticas de promoción e xestión das administracións e entidades vinculadas ao turismo.

Felicitou ao sector por ter contribuído nos últimos anos a que Galicia se posicione como un referente do turismo. Puxo en valor os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que revelan que a Comunidade galega foi a que creceu máis intensamente o ano pasado algo que permitiu que o sector hoteleiro acadase uns resultados económicos históricos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020