Ovidio Rodeiro informa que ata o 28 de febreiro se poden solicitar as axudas para a incorporación de mozos ao agro, plans de mellora e o desenvolvemento de pequenas explotacións

O Delegado Territorial visitou unha explotación apícola beneficiaria dun plan de incorporación de mozos e de mellora de explotacións

As achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), buscan asegurar a continuidade do tecido agrario e incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización

Valdoviño (A Coruña), 20 de febreiro de 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou unha explotación apícola para informar que ata o venres 28 de febreiro está aberto o prazo para solicitar as achegas para plans de mellora nas explotacións agrarias, para a creación de empresas por parte de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Esta explotación foi beneficiaria dunha axuda de incorporación de mozos e dun plan de mellora. Conta con 230 enxames e dedícase á obtención de mel e pole con envasado na propia explotación e á posterior comercialización.

As achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, ascenden nesta convocatoria a 41 millóns de euros. Teñen como finalidade garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.

O reparto do orzamento total de 41 millóns de euros farase do seguinte xeito: 24 millóns irán destinados a plans de mellora, 14 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 3 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación. Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020