A Xunta recoñece a Ribeira Sacra como nova Área de Rehabilitación Integral Supramunicipal para incentivar a recuperación de arredor de 2.000 vivendas nos primeiros 10 anos

Feijóo explica que comprenderá un total de 25 concellos das provincias de Ourense e Lugo coas súas correspondentes 433 parroquias e cunha superficie total de 3.000 km2

Os propietarios das vivendas poderán obter ata un máximo de 16.000 euros de axuda por actuación e os concellos ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada para facer obra pública

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa de Consello, da declaración da Ribeira Sacra como nova Área de Rehabilitación Integral Supramunicipal. Esta área de rehabilitación, dixo, comprenderá un total de 25 concellos das provincias de Ourense e Lugo coas súas correspondentes 433 parroquias e cunha superficie total de 3.000 km2.

O obxectivo final da ARI será a rehabilitación de arredor de 2.000 vivendas durante os primeiros dez anos, ademais das obras de reurbanización e urbanización que realicen os concellos.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que con esta declaración poderanse realizar actuacións de mellora nas vivendas situadas nestes núcleos de poboación e nas instalación públicas, tanto vías de comunicación como espazos de relacións.

Cómpre lembrar que segundo o estudo previo realizado, un 35% das vivendas atópanse en estado regular ou malo e o 5% restante en estado ruinoso

Sobre este punto, o titular da Xunta subliñou que dado que este é un territorio que se caracteriza pola súa dispersión e por contar con moitas vivendas susceptibles de ser rehabilitadas, é preciso realizar unha intervención conxunta para: a rehabilitación e renovación de edificios, a mellora da eficacia enerxética, a mellora das condicións de seguridade e accesibilidade, o aumento da ocupación dos edificios, a mellora das instalacións públicas de auga e enerxía e a mellora da calidade do medio urbano.

Ao abeiro da área de rehabilitación os propietarios das vivendas poderán obter ata un máximo de 16.000 euros de axuda por actuación e os concellos percibirán ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada para facer obra pública.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020