A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaron hoxe o complexo dunar de Corrubedo
A Xunta abre o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais da iniciativa europea Lewo

O seu obxectivo é potenciar os espazos de especial valor da nosa Comunidade, así como fomentar o respecto polo coidado do entorno entre as mozas e mozos

A Administración autonómica salienta a importancia deste tipo de accións para sensibilizar sobre a riqueza do patrimonio natural galego e implicar á xuventude de forma activa no seu coidado e protección

Ribeira (A Coruña), 20 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, deron conta esta mañá en Corrubedo do programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais da iniciativa europea Lewo, que hoxe abre o seu prazo de inscrición. Fixérono desde un dos enclaves nos que se desenvolverá o proxecto durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

O programa ofrecerá un total de 370 prazas e ten como principal obxectivo a sensibilización e o fomento do respecto polo rico patrimonio natural de Galicia, así como a preservación e potenciación destas zonas coa contribución das mozas e mozos voluntarios. Ao abeiro deste proxecto desenvólvense actividades de tres tipos: preservación e conservación; investigación ou catalogación de flora e fauna da zona; e accións educativas de información e sensibilización.

A conselleira de Política Social sinalou que a mocidade galega ten demostrado ser a máis comprometida coas causas que así o merecen, coma neste caso o coidado e preservación do medio natural. Neste sentido, Fabiola García destacou que iniciativas coma esta, ademais de ser moi beneficiosas para a beleza paisaxística de Galicia, permiten que a mocidade desenvolva un afecto e conciencia sobre os espazos de especial valor da nosa Comunidade.

Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia que ten este proxecto de cara a acadar un dobre obxectivo. Por unha banda, sensibilizar e concienciar á sociedade sobre o valor do patrimonio natural galego a través das accións previstas nestes espazos e, por outra, promover entre a xuventude o chamado voluntariado medioambiental co fin de lograr a súa implicación activa na tarefa de “conservar e protexer a riqueza única” de Galicia.

Programa europeo Lewo


Esta nova edición do programa Lewo (Life Evergreen with Volunteers) desenvolverase no Parque Nacional das Illas Atlánticas; en cinco dos seis parques naturais de Galicia (Baixa Limia- Serra do Xurés, Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán); así como en dúas das seis reservas da biosfera da comunidade (As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, e Terras do Miño), e na Ribeira Sacra, espazo que aspira a ser o sétimo recoñecido en Galicia baixo esta figura. Este ano, como nova incorporación, está previsto realizar actividades de voluntariado no espazo Natura 2000 ZEC Ancares-Courel.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020