O alcalde de A Lama e Cores Tourís comproban as actuacións executadas no eido das infraestruturas rurais deste concello

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a aposta da administración autonómica para a mellora da calidade de vida no rural

A Lama (Pontevedra), 20 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, invitado polo alcalde, Jorge Canda, o concello de A Lama para comprobar as actuacións executadas no eido das infraestruturas rurais deste concello.

O delegado territorial recordou, que ademais dos grandes investimentos en depuradoras ou mellora de estradas da administración autonómica neste municipio, tamén cabe destacar os case 1,5 millóns de euros destinados a pequenas obras que permitiron mellorar abastecementos de auga potable, saneamentos, camiños rurais, parques infantís, equipamentos educacionais ou espazos turísticos neste concello nos últimos anos.

Cores Tourís recordou que, a través destes investimentos, a Xunta de Galicia pretende facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento das infraestruturas rurais. “O obxectivo que se marca a Xunta de Galicia é mellorar as condicións de vida dos residentes nestes concellos”, explicou o delegado territorial, quen recordou que a administración autonómica está a apostar polo desenvolvemento do rural galego. “Un rural forte é vital para dar cohesión a Galicia e por iso imos a seguir a traballar polo campo, polos concellos do interior, pola gandería, a agricultura e a mellora dos servizos, de cara a poder fixar poboación, crear novos postos de traballo e atraer empresas aos polígonos empresarias destes municipios”, engadiu.

Deste xeito, A Lama contou co apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación da Consellería de Presidencia. Así, por exemplo, no último ano, executáronse novos ramais da rede de sumidoiros na Mouta e Casalitoi, e se dotou de nova rede de abastecemento ao entorno da PO-241 no lugar de Brexiña.

O delegado territorial tamén destacou a labor do concello na mellora dos camiños rurais e o seu interese en continuar traballando neste mesmo senso, recordando que nesta última lexislatura, A Lama investiu neste tipo de traballos un total de máis de 400.000 euros.

O ano pasado, por exemplo, pavimentouse a estrada que une Gaiola con Seixido executada o pasado ano. “Este vial é o camiño utilizado polos veciños da Gaiola para acceder as súas vivendas, evitando así ter que facer un traxecto mais longo. Ademais, tamén é moi usado para acceder ao camposanto de Seixido”, explicou Cores Tourís.

O responsable territorial engadiu que ademais, en 2019 tamén se melloraron tres camiños nos lugares de A Costa e O Taraído, na parroquia de Verducido, así como na Aldea de Gaxate, grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural.

No caso da mellora destas tres camiños rurais, as obras consistiron no estendido de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros, previo fresado parcial, regularización e limpeza de superficies e posterior adaptación de rexistros á nova rasante.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 20/02/2020