Arquitectos e prescritores visibilizan no PAC da Laracha o potencial da utilización da madeira na construción

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña, Luis Verde, acompañaron aos participantes nunha xornada técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

A potenciación da construción con madeira é un dos ámbitos de actuación prioritarios previstos na Axenda de impulso da industria forestal

A Laracha (A Coruña), 20 de febreiro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña, Luis Verde, participaron hoxe nunha visita ao Punto de Atención Continuada (PAC) da Laracha organizada en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) no marco dunha xornada técnica para promover o coñecemento en materia de construción e rehabilitación con madeira.

A visita ao centro sanitario permitiu visibilizar un exemplo de utilización do sistema construtivo de entramado lixeiro de madeira para uso sanitario. Previamente celebrouse un encontro na biblioteca municipal na que interviñeron as arquitectas responsables da iniciativa, do estudo Ezcurra e Ouzande Arquitectura, así como as empresas Maderas Besteiro e Yofra, participantes na construción.

Tal e como se explicou na xornada, o obxectivo era construír un edificio cun material de orixe natural, 100% renovable, reciclable e reutilizable e cun proceso produtivo que xerase poucos residuos e de baixo consumo enerxético. Proxectouse un edificio en madeira onde os sistemas estruturais, de pechamento e tabicaría e parte dos acabados resolvéronse con elementos tecnolóxicos de madeira maciza e derivados da mesma cun alto nivel de prefabricación permitindo un proceso de construción en seco.

A potenciación da construción con madeira é un dos ámbitos de actuación prioritarios previstos na Axenda de impulso da industria forestal 2019-2021. Esta folla de ruta, ademais de fomentar o uso da madeira, sobre todo local, na construción, aposta por seguir impulsando o sector contract galego, e por introducir na Comunidade, de xeito decisivo, novos modelos de edificación sustentable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020