A Xunta informa en Betanzos ás empresas da industria forestal das diferentes axudas á súa disposición

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou en Betanzos nunha xornada informativa en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga)

Lembra que está activa unha convocatoria por 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais

Betanzos (A Coruña), 20 de febreiro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde en Betanzos (A Coruña) nunha xornada organizada en colaboración coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga) para informar ás empresas da industria forestal da comarca das diferentes convocatorias de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que están á súa disposición.

Na súa intervención, Lema lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), cofinanciada con fondos Feader e dotada con 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais.

Nas próximas semanas activarase así mesmo, tal e como xa se informou no Consello da Xunta, un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.

No encontro celebrado en Betanzos tamén participaron técnicos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que informaron de diferentes convocatorias de axudas no eido da eficiencia enerxética e a mellora da competitividade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/02/2020