A esperanza de vida en Galicia medra ata os 83,34 anos e acada o maior valor da serie histórica, segundo os últimos datos do IGE

O IGE publica hoxe as táboas de mortalidade correspondentes ao ano 2017 e unha estimación para 2018

Os datos recollen as probabilidades de morte e supervivencia e a esperanza de vida

No 2018, a esperanza de vida aumentou nas mulleres (86,4 anos) e nos homes (80,18)

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

A esperanza de vida ao nacer sitúase en 83,34 anos e acada o seu maior valor de toda a serie histórica, segundo se desprende das últimas táboas sobre mortalidade publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir dos datos da Consellería de Sanidade.

Tal como mostran estes datos, a esperanza de vida medrou no ano 2018 en Galicia ata situarse nos 83,34 anos, fronte aos 83,12 do ano anterior. Ademais, desde 2008 este indicador medrou dous anos. A esperanza de vida aumentou tanto nas mulleres –pasa de 86,02 a 86,4 anos- coma nos homes, nos que o incremento da esperanza de vida é máis leve: de 80,12 anos en 2017 aos 80,18 anos de 2018.

No caso da esperanza de vida aos 65 anos, entendida como a media de anos que vive unha persoa que alcanza esa idade, este indicador situouse en Galicia nos 21,61 anos en 2018. Este indicador tamén medrou respecto ao ano anterior (21,45), e volve ser máis elevado no caso da mulleres (23,72) que no dos homes (19,23).

En canto á esperanza de vida aos 80 anos, os datos do IGE indican que este indicador medrou en 2018 ata os 10,41 anos, fronte aos 10,04 anos do ano anterior. Igualmente, este indicador é máis alto para as mulleres (11,31) que para os homes (9,08).

As táboas de mortalidade recollen as probabilidades de morte e supervivencia da poboación galega, así como a esperanza de vida, é dicir, a estimación media de anos que viviría unha persoa no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás actuais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/02/2020