A conselleira de Educación destaca o compromiso do CEIP da Ramallosa (Teo) co reforzo e mellora das competencias clave

O centro desenvolve 2 liñas dos contratos-programa centradas neste eido

O colexio foi pioneiro tamén na súa participación no proxecto de libro dixital da Xunta de Galicia, E-Dixgal

Teo (A Coruña), 21 de febreiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP da Ramallosa, onde compartiu parte da xornada de celebración do Entroido. Deste centro destacou o seu compromiso no reforzo do alumnado que precisa maior apoio e na mellora das competencias clave dos estudantes. Non en balde o centro desenvolve 2 liñas dos contratos-programa neste eido: REFÓRZA-T e Mellora das competencias clave; ambas fundamentais para incrementar o éxito escolar e reducir o abandono temperán.

A liña 1, REFÓRZA-T, ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, para o que se dota os centros de profesorado de reforzo. O obxectivo é garantir que este alumnado adquira destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias. Entre outras competencias, refórzanse as destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.

No caso da liña 2, de Mellora das competencias clave, (da que o CEIP da Ramallosa desenvolve as modalidades centradas na Matemática e na Ciencia e Tecnoloxía) céntrase en traballar estas competencias co fin de mellorar os resultados e elevar os niveis de éxito escolar. As medidas incluídas nesta desenvólvense dentro do horario lectivo.

Carmen Pomar salientou, así mesmo, que o colexio teense foi pioneiro na súa incorporación –xa no curso 2014/2015, o primeiro de funcionamento do programa– ao proxecto de libro dixital da Xunta de Galicia, E-Dixgal, a través da que se facilitan ao alumnado, de xeito gratuíto, libros e outros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular.

Tamén no marco da Estratexia galega de educación dixital, Edudixital 2020, o CEIP da Ramallosa participa en Introdución á robótica educativa en primaria, un programa de innovación educativa que ten como obxectivo que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. A través del, o centro recibe da Consellería
dotación de material específico, como robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado, ou kits de construción que permitan a realización de diferentes proxectos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/02/2020