A Xunta avoga por facer do presente o momento das mulleres a través dun tecido laboral máis igualitario e conciliador

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada Son Executiva

Este programa formativo pioneiro de liderado está dirixido a 400 mulleres e o prazo de inscrición segue aberto nas cidades de Lugo e Ourense

O obxectivo é reforzar os coñecementos en xestión executiva das profesionais galegas para que poidan acceder a postos de alta dirección e potenciar o seu propio desenvolvemento

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou esta mañá en Santiago de Compostela por facer do presente o momento das mulleres a través dun tecido laboral máis igualitario e conciliador, durante a xornada Son Executiva.

Na súa intervención, o conselleiro defendeu a necesidade de posta en común e o consenso de todas as perspectivas posibles para impulsar o talento feminino e para potenciar a presenza das mulleres no entorno laboral, facer da corresponsabilidade un elemento natural na dinámica empresarial e sentar as bases para que este cambio sexa duradeiro.

Esta acción enmárcase neste novidoso programa formativo de liderado, creatividade e empoderamento feminino co que se pretende chegar a un total de 400 mulleres galegas e que aínda ten aberto o seu prazo de inscrición nas cidades de Lugo e Ourense. De feito, á xornada –na que se realizaron dúas mesas redondas sobre liderado feminino e directiva 4.0, así como un relatorio sobre a mentalidade do desafío- asistiron candidatas a formar parte de Son Executiva.

O programa celebrarase ata o mes de xullo –a primeira acción comezará na Coruña o 2 de marzo- e está previsto impartir esta formación xunto cun programa de coaching individualizado en sesións presenciais nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela. O obxectivo é reforzar os coñecementos de xestión executiva para que as mulleres galegas poidan acceder a postos de alta dirección nas empresas e dar ferramentas ás participantes para potenciar o seu propio desenvolvemento cara a consecución das súas metas profesionais.

Constará de dous niveis formativos segundo a experiencia e situación profesional das participantes: por unha banda un itinerario dirixido a mulleres con algún cargo directivo e experiencia profesional ou empresarias en activo; e por outra, un itinerario para recentemente tituladas universitarias ou con formación profesional que pretendan impulsar a súa traxectoria ou poñer en marcha un proxecto emprendedor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/02/2020