A Xunta presenta a colectivos e profesionais da Coruña no ámbito da loita contra a violencia de xénero a guía de recursos para facer fronte a esta lacra

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reuniuse con representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs)

Este documento pioneiro describe os servizos e programas, así como os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio ás vítimas
 

A Coruña, 21 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu hoxe a coñecer, nun encontro con colectivos e profesionais no ámbito da loita contra a violencia de xénero que traballan na provincia da Coruña, a primeira guía de recursos existentes en Galicia para facer fronte esta lacra, un documento pioneiro que recolle os equipamentos e recursos destinados a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Á xuntanza informativa acudiron representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs) da provincia coruñesa, entre outros colectivos.

Nesta guía pódense consultar todos os servizos dispoñibles organizados por áreas (psicolóxica, social, sanitaria, xurídica, económica, laboral ou protocolos de actuación) que están tamén xeoreferenciados na páxina web da Xunta de Galicia, cun mapa de localización dispoñible na opción Eservizos: Servizos no mapa no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa.

Calquera persoa ou entidade interesada ten á súa disposición este documento, que contén información dos recursos existentes en Galicia no eido da violencia de xénero. Trátase dunha ferramenta que contribúe ademais a facilitar e axilizar o traballo das persoas profesionais que na nosa comunidade acompañan e apoian ás mulleres que sofren violencia de xénero, concentrando nunha única ferramenta a descrición dos servizos e programas e os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio a vítimas.

Entre os recursos dispoñibles, recóllense os 82 CIMs noutros tantos concellos galegos, dos que 29 deles se atopan na provincia da Coruña; un centro de recuperación integral emprazado en Santiago de Compostela; centros de acollida e o teléfono 900 400 273 de carácter gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.

Durante o encontro, a secretaria xeral da Igualdade expuxo que a publicación desta guía amosa o compromiso da Xunta na loita contra a violencia de xénero e no obxectivo de acadar a igualdade real entre mulleres e homes.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/02/2020