A conselleira do Mar mantivo un encontro cos representantes da Asociación de Mexilloneiros de Cabo de Cruz
A Xunta enxalza o labor da Asociación de bateeiros Asmecruz na busca constante dun produto de extraodinaria calidade

A titular de Mar lembra a importancia da colaboración entre sector e Administración para que a produción de mexillón poida seguir medrando

Boiro (A Coruña), 26 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Asociación de Mexilloneiros de Cabo de Cruz (Asmecruz), onde mantivo un encontro cos seus representantes para coñecer as necesidades da entidade e dos seus socios e aclarar posibles dúbidas relacionadas coa súa actividade. A titular de Mar, que estivo acompañada durante o encontro pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, enxalzou o traballo desta organización de bateeiros, que conta con máis dun cento de socios, en favor dunha xestión eficiente dos recursos e na busca constante dun produto de extraordinaria calidade.

A representante do Executivo galego explicou que Asmecruz é unha asociación do sector mexilloneiro que aposta tanto polo mercado interior como pola exportación e que por iso mantén unha estratexia na que é fundamental a apertura continua a novos mercados. Un obxectivo no que é imprescindible contar cun produto de calidade, algo que a asociación logra grazas ao control do molusco desde a súa extracción ata a entrega ao comprador. Isto é posible porque conta con instalacións depuradoras propias e tamén cun instituto de microbioloxía aplicada que permite dar todas as garantías sanitarias aos seus clientes.

Nesta liña, e co obxectivo de que esta actividade poida seguir medrando, a conselleira do Mar lembrou a importancia da colaboración entre o sector e a Administración. Así, incidiu na relevancia de contar con infraestruturas axeitadas, que faciliten o traballo diario dos profesionais do sector, e de buscar solucións de xeito inmediato a aqueles problemas que poden afectar ao desenvolvemento da súa actividade.

Precisamente, a representante da Xunta destacou a senda de crecemento rexistrada polo sector nos últimos anos, o que lle permitiu comercializar en 2018 máis de 236.000 toneladas de mexillón e facturar máis de 128 millóns de euros. Un crecemento que, explicou, contribuíu a impulsar ao conxunto do complexo mar-industria de Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 26/02/2020