Axentes de Gardacostas e da Garda Civil comisan máis de 2.800 quilos de ameixa xaponesa procedente de Portugal por carecer de documentos de trazabilidade

O operativo desenvolveuse no quilómetro 278 da A-52 en dirección a O Porriño tras un control de estrada no que se detectou un exceso de peso da furgoneta que transportaba o produto

Os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar levantaron acta de infracción contra o condutor do vehículo e contra o propietario da mercadoría, que será destruída
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, xunto con efectivos da Garda Civil, comisaron onte nun control de estrada na A-52 en dirección O Porriño máis de 2.800 quilos de ameixa xaponesa procedente de Portugal que carecía dos correspondentes documentos que avalasen a súa trazabilidade ou outros de rexistro da transacción previa ao seu transporte como factura ou albarán.

Os axentes do destacamento da Garda Civil de Tráfico do Porriño interceptaron unha furgoneta nun control á altura do quilómetro 278 e inmobilizaron o vehículo por exceso de peso. Ao transportar produtos do mar, deron aviso ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Tui e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que procedeu a comprobar se a orixe do produto era lícita e se a ameixa contaba cos documentos necesarios para garantir a súa procedencia e rastrexabilidade.

Os axentes do organismo dependente da Consellería do Mar comprobaron que ademais de carecer dos documentos que garantisen a súa trazabilidade, o produto transportado na furgoneta non estaba clasificado por lotes a pesares de que tiña varios destinos. Ante os incumprimentos detectados, os gardacostas procederon a comisar a mercadoría para a súa posterior destrución, levantaron acta de infracción ao transportista e ao propietario do molusco e procederon a enviar varias mostras a analizar por se tamén se estivese cometendo un posible delito contra a saúde pública por non cumprir as condicións hixiénico-sanitarias esixidas para o seu consumo.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 27/02/2020