O Centro de Estudos Galegos de Perugia traduce a Uxío Novoneyra ao italiano

Valentín García asistiu á presentación da antoloxía poética 'Poesie della chiara chertezza. Antologia 1955-1999'

O profesor Marco Paone ocupouse da selección e tradución dos textos desta obra que contou co apoio da Xunta e da Fundación Uxío Novoneyra

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

A poesía de Uxío Novoneyra xa pode lerse en italiano. O Centro de Estudos Galegos de Perugia, co apoio da Xunta e a Fundación Uxío Novoneyra, acaba de publicar o volume Poesie della chiara certezza. Antologia 1955-1999. O profesor Marco Paone –codirector do dito centro de estudos e responsable tanto da selección como da tradución de textos– acudiu esta mañá á capital de Galicia para presentalo a canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario da Fundación Uxío Novoneyra e fillo do autor do Courel, Uxío Novo. Participaron na presentación, canda eles, a italianista da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro Ramón Piñeiro, Isabel González, e o profesor e investigador Luis Alonso Girgado.

Valentín García gabou “o labor que está facendo a rede de centros de estudos galegos da Xunta, presente en universidades de tres continentes, para difundir a cultura, a literatura e mais a lingua de Galicia” e mostrouse seguro de que “os estudosos e poetas que lean esta antoloxía de Uxío Novoneyra, por primeira vez vertido á lingua de Dante, sentirán o desexo de coñecer o Courel e Galicia toda, así como o idioma en que os poemas foron escritos”.

‘Poesie della chiara certezza’

Poesie della chiara certeza recolle en galego e italiano textos da primeira e da segunda edición d’Os Eidos (1955 e 1974), Poemas caligráficos (1979), Muller pra lonxe (1986), Do Courel a Compostela (1988), Tempo de elexía (1991), Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994), Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes (1999) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999). Os textos están precedidos por unha introdución a cargo de Marco Paone, Uxío Novoneyra: un poeta tellurico fra amore e libertà, e dunha útil bibliografía esencial.

Data de actualización: 27/02/2020