A conselleira de Política Social visitou o centro que ten esta entidade en Santiago de Compostela
Fabiola García visita a sede central de Proxecto Home en Santiago de Compostela

Fai fincapé na necesidade de continuar loitando contra a exclusión, a intolerancia e a discriminación a través da sensibilización da sociedade

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta tarde a sede central de Proxecto Home en Santiago de Compostela, onde salientou o labor da Fundación Monte do Gozo na reinserción social das persoas con adiccións.

Fabiola García gabou o traballo da ducia de traballadores que forman parte da entidade e que axudan a uns 90 usuarios deste centro a construír unha vida autónoma e libre de adiccións grazas aos programas que desenvolven e que contan co apoio da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a conselleira de Política Social fixo fincapé na necesidade de continuar loitando contra os estereotipos, a exclusión, a intolerancia e a discriminación a través da sensibilización da sociedade. Nesta tarefa son moi importantes centros como este de Santiago de Compostela que conta con áreas de terapia ambulatoria, zona residencial, área administrativa, obradoiros e zona deportiva.

Neste sentido, Fabiola García, a conselleira de Política Social, tamén subliñou o papel que teñen os máis de 200 voluntarios que axudan desinteresadamente aos usuarios do Programa Proxecto Home. De feito, máis de 1.200 persoas contan co apoio deste colectivo en programas terapéuticos e de formación laboral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/02/2020