Técnicos galegos do Proxecto Acuipesca Perú proporán melloras tecnolóxicas ao sector acuícola da Baía de Sechura

O Centro Tecnolóxico do Mar participará xunto aos seus socios Anfaco-Cecopesca e Ayuda en Acción en varios talleres para presentar as súas propostas para a cadea produtiva da concha de abanico e a diversificación de especies

O Ministerio de la Producción del Perú, socio local da fundación galega neste proxecto financiado por Vicepresidencia da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, acompañará aos expertos

Vigo, 01 de marzo de 2020

Expertos do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e dos seus socios no proxecto Acuipesca Perú participarán a vindeira semana nunha nova misión técnica para presentar os avances acadados no primeiro ano de traballo desta acción, que está financiada pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega. Alí proporán melloras tecnolóxicas ao sector acuícola da baía de Sechura.

Ademais dos técnicos de Cetmar, de Anfaco-Cecopesca e da Fundación Ayuda en Acción, na misión participarán representantes do Ministerio de la Producción del Perú (Produce), socio local do Cetmar en Acuipesca Perú. A primeira das reunións previstas na axenda da misión terá lugar na sede desta institución onde, ademais das propostas de mellora tecnolóxica suxeridas polos expertos de Anfaco, darase conta dos resultados do diagnóstico para a diversificación de especies que elaborou o Cetmar.

Xunto ás autoridades gobernamentais peruanas, que participan neste proxecto no marco do Memorando de Entendemento subscrito coa Xunta de Galicia no ano 2015, o consorcio Acuipesca Perú proporá ao sector acuícola da baía de Sechura melloras tecnolóxicas na cadea produtiva da concha de abanico –sistemas de cultivo e engorde- que se materializarán a través da posta en marcha de tres proxectos piloto a desenvolver ao longo do proxecto, que finaliza en 2021.

Ademais destes avances técnicos, o Cetmar e os seus socios están traballando na posta en marcha de novas normas de competencia para traballadores do sector pesqueiro e acuícola -operarios de plantas de procesado e de cuadrillas de descarga e buzos artesanais-. Algunhas delas serán validadas nesta misión en dous talleres coa participación de representantes de Sineace (Sistema Nacional de Avaliación, Acreditación e Certificación), que veñen colaborando en todo este proceso liderado pola Fundación Cetmar.

Nos catro talleres programados tomarán parte as Organizacións Sociais de Pescadores Artesanais (Ospas) a través dos seus representantes en Sechura, que terán oportunidade de coñecer o sistema polo que os expertos de Acuipesca Perú seleccionarán ás Ospas que participarán nos proxectos de diversificación de especies previstos no proxecto.

Cun presuposto total de 700.000 euros, e tras un diagnóstico previo sobre a situación do sector pesqueiro e acuícola na baía de Sechura realizado por Cetmar, o proxecto Acuipesca Perú botou a andar en xaneiro de 2019 coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar e coa participación de Anfaco-Cecopesca, a Fundación Ayuda en Acción e a súa delegación en Perú (social local de Anfaco) e o Ministerio de la Producción.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 01/03/2020