A Amtega abre en marzo o prazo de tres das iniciativas do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas

Os centros educativos poden solicitar ata o 6 de marzo unha das máis 70 charlas sobre as novas tendencias dixitais impartidas por expertos

O 16 de marzo abrirase o prazo para solicitar o Programa “Tecnólogo por un día”, con máis de 50 prazas para estudantes de 12 a 17 anos

Na primeira quincena de marzo os estudantes de carreiras non TIC poderán presentar a súa candidatura ao Programa de Bolsas DigiTalent

A estas iniciativas súmanse outras oito orientadas á infancia, adolescencia e á xuventude que están a desenvolver as empresas do Pacto Dixital no marco do Plan

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) comeza o mes de marzo coa apertura de tres das liñas de actuación do Plan Digitalent: o programa de charlas en centros educativos galegos vinculadas ás novas tendencias dixitais, unha nova edición do Programa Tecnólogo por un día e a convocatoria das Bolsas DigiTalent.

Estas iniciativas forman parte do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para este curso 2019/2020, impulsado pola Amtega para potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.

Charlas DigiTalent

Para achegar aos máis novos o interese polos estudos científico-tecnolóxicos e mellorar a visión que teñen das profesións dixitais a Amtega, en colaboración con outros axentes do ecosistema dixital galego, activa a iniciativa de Charlas DigiTalent. Ata o 6 de marzo os centros educativos interesados poderán realizar as súas solicitudes de inscrición a través da web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/charlas-digitalent

Cunha oferta de máis de 70 charlas que serán impartidas por profesionais das empresas Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos Gradiant e CiTius, achegaranse aos centros educativos relatorios vinculados a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras.

Nova edición de Tecnólog@ por un día

En marzo comeza tamén unha nova edición do Programa Técnólogo por un día que ofrece a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais.

Entre o 16 e 26 de marzo estará aberto o período de inscrición para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar, cumprimentando o formulario que estará dispoñible no espazo web DigiTalent https://digitalent.xunta.gal/gl, onde poderán consultar as prazas ofertadas por cada empresa colaboradora. Esta nova edición conta con máis de 50 prazas ofertadas polas empresas Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis que recibirán aos participantes.

Selección dos 32 bolseiros DigiTalent

Durante os primeiros días de marzo, tras a súa publicación en DOG, abrirase a convocatoria a estudantes no marco das Bolsas DigiTalent, dirixida a alumnado matriculado nos últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas, menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.

Ofrécense en total 32 prazas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC, co obxectivo de contribuír a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Iniciativas empresas colaboradoras

A estas actuacións súmanse ás lideradas polas empresas do Pacto Dixital de Galicia, que suman esforzos coa Amtega para continuar avanzando no desenvolvemento dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent.

Durante o mes de marzo estaranse a realizar seis iniciativas vinculadas ao fomento das vocacións STEM: Crea R e Nativos R da man do operador R; as iniciativas Acerca-T e Mentoring Day impulsadas por Televés, GenTech da man de Altia e DixiXogo en liderada por Iecisa. Ademais, no tocante ao impulso dos novos perfís dixitais realizaranse dúas actuacións: AltiaTech impulsada por Altia e o Hackathon CEIN Big Data e Analytics impulsado pola Amtega e a empresa DXC.

Catálogo de actuacións DigiTalent

Toda a información sobre estas iniciativas así como do resto do catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/03/2020