O Xacobeo 2021 aposta pola diversidade no que será o Ano Santo máis inclusivo dos celebrados ata o momento

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, mantiveron hoxe un encontro de traballo con entidades do ámbito da discapacidade

Os camiñantes das rutas xacobeas xa contan con albergues públicos accesibles e os grupos de peregrinos con discapacidade poderán reservar praza nestes establecementos

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, mantiveron un encontro de traballo con diversas entidades do eido da discapacidade co fin de colaborar conxuntamente de cara ao vindeiro Xacobeo 2021, que será o Ano Santo máis inclusivo dos celebrados ata o momento.

Román Rodríguez destacou que o Xacobeo 2021 “é unha oportunidade magnífica de amosar a Galicia máis inclusiva, que busca que o Camiño de Santiago sexa para todos e cada unha das persoas que desexen percorrer algunha das súas rutas, porque non cremos nas barreiras, nin na desigualdade”.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, agradeceu ás entidades sociais a súa implicación na construción dunha Galicia máis xusta, igualitaria e solidaria. Neste sentido, lembrou a necesidade de que as administracións continúen colaborando con estas organizacións para, entre todos, seguir derrubando barreiras e acadar así a plena inclusión.

Na reunión, na que participaron representantes de Cermi, Autismo Galicia, Aspace, Aspanaes, Cogami, Down Galicia, Fademga, Faxpg, Feafes, Fegadace, Fagal e Once, abordáronse aspectos como a inclusión e a accesibilidade. Deste xeito, tratáronse as diferentes iniciativas que permiten que as persoas con discapacidade poidan gozar con plenitude da experiencia xacobea. Así, está á súa disposición unha guía do Camiño de lectura fácil con pictogramas. Cómpre destacar que antes da edición desta publicación non existían pictogramas relacionados co fenómeno xacobeo, polo que tiveron que ser creados expresamente para esta guía. Ao fío disto, os albergues públicos galegos contarán con pictogramas en todas as estancias ás que poden ter acceso os peregrinos, facilitando así a comunicación e composición de lugar das persoas con Trastorno do Espectro Autista ou outro tipo de dificultades de comunicación na linguaxe.

As entidades tamén saudaron o feito de que proximamente os grupos de persoas con discapacidade poderán reservar praza nos albergues públicos de xeito que poderán establecer certa previsión á hora de acceder a estes establecementos, garantindo o seu correcto descanso.

Os representantes da Xunta lembraron que aínda queda traballo por diante nos vindeiros meses nos que será vital a colaboración coas entidades para que a experiencia xacobea sexa positiva para todos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/03/2020