O director xeral da Agader destaca o potencial do turismo para xerar oportunidades de riqueza no rural

Miguel Pérez Dubois acudiu á inauguración do Training Course, do programa ERASMUS+ Pilgrims, no que participa o GDR Terras de Pontevedra Norte

O obxectivo do proxecto é a formación de axentes sociais e profesionais da hostalaría ao longo do Camiño de Santiago, para intentar desenvolver unha metodoloxía básica que permita dinamizar o rural a través do turismo

Lalín (Pontevedra), 2 de marzo de 2020

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acudiu esta mañá á presentación do Training Course, do programa ERASMUS+ Pilgrims, no que participa o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte. No encontro -ao que tamén acudiu o alcalde de Lalín, José Crespo-, o director xeral puxo en valor esta iniciativa que ten por obxectivo a formación de axentes sociais e profesionais da hostalaría ao longo do Camiño de Santiago, así como o intercambio de experiencias e o desenvolvemento dunha metodoloxía para dinamizar o rural a través do turismo.

O director xeral da Agader enmarcou a iniciativa “no enfoque Leader”, que persegue que sexan os propios cidadáns os que leven a cabo o desenvolvemento rural dos seus territorios botando man “tanto dos recursos como dos actores económicos e humanos dos que dispoñen na súa comarca”. Pérez Dubois sinalou que o sector turístico é un “elemento dinamizador clave” que crea novas oportunidades de emprego e aumenta o atractivo do rural. Así, engadiu, os esforzos deben centrarse no reforzo e consolidación do tecido empresarial para aproveitar as vantaxes dunha oferta turística integrada, baseada en criterios de calidade.

O director xeral considera que ”en Galicia non se podería entender o turismo rural sen o Plan Leader”. Así, as subvencións concedidas ao abeiro da medida permitiron a creación de “proxectos interesantes e con continuidade no tempo” no marco de programas de calidade turística territorial nos que os Grupos de Desenvolvemento Rural foron claves. Foi o caso da implementación do destino de calidade Sidtec do GDR Terras de Pontevedra Norte, que hoxe volve destacar pola participación neste Erasmus que quere formar axentes da hostalaría e desenvolver unha metodoloxía básica que poida servir de base para un turismo rural de éxito ao longo do Camiño de Santiago.

Esta semana terá lugar en Galicia a primeira das tres semanas de formación e intercambio previstas este ano no marco do curso. A segunda terá lugar en Bulgaria, do 31 de marzo ao 5 de abril, e a terceira en Noruega, do 29 de xuño ao 5 de xullo. A iniciativa tamén suporá a creación dunha páxina web para dar difusión ao proxecto.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 02/03/2020