Portos de Galicia expón en Valencia os retos do sector náutico galego e a importancia de potencialo para xerar riqueza

A presidenta do ente público participa no VIII Congreso Náutico para poñer en valor as instalacións existentes en Galicia para as embarcacións de lecer e difundir os atractivos cos que conta a comunidade para o turismo náutico

Valencia, 5 de marzo de 2020

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, expuxo hoxe en Valencia os retos do sector náutico galego e a importancia de impulsar o seu crecemento para xerar riqueza nas zonas costeiras. A responsable do ente dependente da Consellería do Mar, Susana Lenguas, participou na mesa redonda O reto do turismo náutico, celebrada no marco do VIII Congreso Náutico organizado pola Asociación Nacional de Empresas Náuticas, onde destacou que esta actividade permite poñer en valor o territorio, impulsa a economía, dá a coñecer os valores dos municipios costeiros e aporta proxección internacional a Galicia.

Este encontro, que se celebra entre hoxe e mañá na sede do Oceanográfico de Valencia, é a cita de referencia para os profesionais do sector náutico nacional. Nel, a presidenta de Portos de Galicia detallou as instalacións para embarcacións de lecer coas que conta a comunidade e os servizos que ofrecen aos visitantes.

Susana Lenguas destacou na súa intervención os atractivos que ofrece Galicia, con 1.500 quilómetros de costa, as peculiaridades das súas rías, as múltiples paisaxes que se poden contemplar e a variada oferta gastronómica existente a disposición do turista. Tamén detallou que a comunidade conta con 70 instalacións náuticas con máis de 10.000 prazas que permitiron que en 2019 se rexistrasen máis de 10.000 tránsitos nos portos de titularidade autonómica.

A presidenta do ente público informou ademais das iniciativas desenvolvidas en Galicia polo sector náutico como é o caso da creación dunha carta náutica e das rutas de peregrinación marítima programadas con motivo do Xacobeo 2021. O obxectivo final, expuxo, é captar tránsitos nacionais e internacionais.

O congreso náutico, celebrado baixo o título Transformación e crecemento azul, inclúe conferencias e mesas redondas sobre temas de máximo interese para os profesionais do sector como a sustentabilidade da actividade, a lexislación vixente, a comercialización dixital, os novos usos de consumo ou a promoción, entre outros.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 05/03/2020