Ángeles Vázquez salienta que as xeracións mozas actuais son o factor clave da dimensión social contra o cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que os mozos de hoxe coñecen o punto no que se atopa o planeta, saben do potencial de Galicia e teñen ao seu alcance as ferramentas para mitigar os efectos e conseguir nun futuro próximo un planeta neutro, ou non será

Salienta a importancia de que as actuacións sexan globais, superando os límites administrativos e as fronteiras xeográficas; coas que “cambiar nós, pero non o clima”

A conselleira recorda que Galicia está a vangarda na loita contra o cambio climático, grazas a aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía e a Estratexia de Economía Circular

Lugo, 10 de marzo de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá a un grupo de alumnos do IES Leiras Pulpeiro que eles son o factor clave da dimensión social necesaria na loita contra o cambio climático.

Así o puxo de manifesto durante un encontro celebrado esta mañá, onde destacou o papel das xeracións mozas actuais, pois son a comunidade ao que os expertos xa ten trasladado como se atopa o planeta, coñecen o potencial da Comunidade galega e teñen ao seu alcance as ferramentas necesarias para conseguir que o futuro se defina por un planeta máis neutro; ou non será; se non se converten en aliados da contorna que os rodea.

Ángeles Vázquez recordoulles que un dos potenciais de Galicia é o sector primario, representa o 50% de toda a madeira que se produce en España e é unha das principais rexións pesqueiras de Europa, con 4.400 buques; tamén o seu patrimonio natural ten un valor incalculable.

Sinalou que o obxectivo é camiñar cara a chamada neutralidade climática reducindo as emisións de gases efecto invernadoiro, a través dun modelo baseado nas enerxías limpas, na mellora da eficiencia enerxética e en sistemas produtivos máis responsables.

Nese sentido, sinalou que este ano e esta década son claves desde o punto de vista da sostibilidade, pois Galicia está hoxe á vangarda das comunidade autónomas grazas á aprobación de dúas ferramentas que guiarán non só a acción do Goberno, senón da totalidade dos axentes económicos e sociais: como son a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía e Estratexia de Economía Circular, un marco que vai na liña de cambiar o actual modelo produtivo lineal de producir usar e tirar, como medida para loitar contra o cambio climático e para crear o chamado emprego verde; dun xeito responsable, planificado e gradual.

A conselleira destacou que a sociedade está cada vez máis concienciada coa necesidade de impulsar dito cambio, pero ninguén pode quedar atrás. Defendeu unha actuación global pensada desde o local, que supere as divisións administrativas e xeográficas, pois a realidade é que só existe un planeta; polo que “debemos cambiar nós, non o clima”.

Data de actualización: 10/03/2020