A Xunta destaca a formación como ferramenta clave para mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro en Cerceda coa dirección e participantes do Programa Integrado de Emprego que impulsa Cerceda, xunto con Trazo e Tordoia

Cerceda (A Coruña), 11 de marzo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro esta mañá na Coruña coa dirección e alumnado do Programa Integrado de Emprego de Cerceda, impulsado por este concello, Trazo e Tordoia e destacou que a formación é unha ferramenta clave para mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas.

Neste PIE participan un total de 100 persoas desempregadas: 63 de Cerceda, 17 de Trazo, 14 de Tordoia e outras 6 de Ordes, das que 14 xa entraron en contacto co mundo laboral.
O obxectivo de inserción é do 40%.

Este programa céntrase na obtención dos certificados de profesionalidade de atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; limpeza de superficies e mobiliario de edificios e locais; limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e actividades auxiliares de almacén. Compleméntase con outra formación como soldadura TIG, manexo de carretillas elevadoras, manipulación de alimentos ou atención ao cliente, entre outras; así como coñecementos transversais en novas tecnoloxías e idiomas. Hoxe, en concreto, o alumnado participou en dous obradoiros grupais sobre portais de emprego e recursos web e orientación sociolaboral e intermediación laboral.

Casal insistiu na necesidade de que as diferentes administracións e entidades colaboren e aposten pola formación co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade e avogou por fomentar unha formación dual e flexible que se adapte ás necesidades das empresas e aos perfís profesionais máis demandados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2020