Rosa Quintana enxalza o labor das mariscadoras de Cambados como exemplo dos valores das mulleres galegas do mar

A conselleira do Mar salienta o compromiso das profesionais cambadesas en favor dunha boa xestión dos recursos e dunha explotación sustentable

A actividade marisqueira dos arredor de 200 traballadores do sector aportou á lonxa de Cambados preto de oito millóns de euros de facturación en 2019
 

Cambados (Pontevedra), 11 de marzo de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe ás mariscadoras da confraría de pescadores de Cambados para escoitar e analizar as súas necesidades e dar resposta a posibles dúbidas relacionadas coa súa actividade. Neste sentido, a titular de mar destacou que o traballo das profesionais do marisqueo de Cambados é un exemplo dos valores das mulleres do mar de Galicia polo seu compromiso coa boa xestión dos recursos e cunha explotación sustentable.

A representante do Executivo galego lembrou que esta visita é a resposta a outra anterior na que as mariscadoras lle trasladaron o seu interese de manter un encontro específico co sector do marisqueo, que agrupa a arredor de 200 profesionais nesta localidade. Unha actividade de moita importancia para a lonxa de Cambados pois o ano pasado facturou preto de oito millóns de euros só cos produtos extraídos polo sector marisqueiro.

Rosa Quintana destacou que as mulleres do mar como as de Cambados reflicten a esencia do potencial feminino no eido do mar, tal como se pode ver no vídeo Mulleres by the sea, publicado o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Nel pódense ver exemplos de mulleres do complexo mar-industria galego que mostran o especial cariño que teñen polos seus oficios, a vontade de protexer o seu medio de vida ou a presenza da muller desde sempre neste sector.

Son exemplos de distintas profesionais da cadea mar-industria de Galicia, que conta con preto de 500 mulleres na pesca extractiva, máis de 1.100 no ámbito da acuicultura -das que de 700 traballan nas bateas-, máis de 2.600 mariscadoras e milleiros de traballadoras vencelladas ás industrias conserveiras e do conxelado.

Por iso, a conselleira do Mar subliñou que a aportación das mulleres do mar, como as de Cambados, é fundamental para o complexo mar-industria de Galicia e salientou que sen a súa participación o mar galego perdería os seus sinais de identidade porque boa parte dos seus grandes referentes son mulleres.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/03/2020