A Xunta establece como deben ir uniformados e identificados os distintos tipos de axentes forestais e ambientais para o seu axeitado recoñecemento

O DOG publica hoxe a orde conxunta da Consellería do Medio Rural e da de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que establece estes elementos identificativos e de uniformidade

Afecta tres escalas: axentes forestais, axentes facultativos ambientais e axentes técnicos en xestión ambiental

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde conxunta da Consellería do Medio Rural e da de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que establece os elementos identificativos e de uniformidade dos axentes forestais, dos axentes facultativos ambientais e dos axentes técnicos en xestión ambiental de Galicia. O obxectivo é fixar as características identificativas destas tres escalas para o axeitado recoñecemento deste persoal funcionario.

A orde dispón que as escalas de axentes forestais, axentes facultativos ambientais e axentes técnicos en xestión ambiental son homólogas na práctica. Así, considérase necesaria a súa correcta uniformidade e identificación, tanto ante a cidadanía como ante o persoal doutras administracións.

Deste xeito, establécese como elementos identificativos da condición dos axentes o uniforme facilitado pola consellería á que presten servizo, a súa credencial acreditativa -composta pola tarxeta identificativa e a placa acreditativa-, así como o número de axente e o emblema alusivo á súa escala e historia. Tamén portarán a correspondente divisa na parte esquerda do peito, en función do posto de traballo: unha folla de carballo dourada se se trata dun axente base, dúas follas para os axentes zonais e tres follas douradas para os territoriais. Nos casos excepcionais e debidamente autorizados nos que os axentes prescindan do uniforme, deberán portar igualmente a credencial acreditativa.

Os uniformes disporán de versión para home e muller e tamén se deseñará un modelo básico para embarazadas. Terán, ademais, modalidade de inverno e verán, contando con boina, prendas térmicas, pantalón impermeable e anorak a primeira; e con viseira, polo de manga curta e pantalón multipetos a segunda. Os axentes deberán preocuparse polo seu coidado e a Administración establecerá o mantemento e os recambios oportunos cando sexa necesario.

Como roupa e equipamento accesorios distribuiranse, en función das actividades que desenvolva cada axente, o chaleco reflector ignífugo e de alta visibilidade, equipamento de alta montaña, vadeador, gafas de protección solar, mochila, fundas desbotables e botas de goma de cana alta.

A orde non será de aplicación ao persoal da escala que presta servizo no Parque Nacional-Terrestre Illas Atlánticas, ao contar cunha uniformidade propia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2020