A Xunta reafirma o seu compromiso coa atención a persoas con discapacidade intelectual coa colaboración con Aspanaex

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio coa asociación sobre a colaboración do Goberno galego na rehabilitación do edificio que acollerá a futura residencia da entidade

Alfonso Rueda incidiu na importancia da cooperación das administracións para dotar a estas asociacións dos recursos para mellorar a atención aos seus usuarios

Vigo, 11 de marzo de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra (Aspanaex) sobre a aportación da Vicepresidencia ao proxecto de rehabilitación do edificio do antigo Centro de especialidades de Coia para acoller unha residencia para usuarios da entidade.

A Consellería de Política Social tamén participa na construción da nova residencia a través dunha achega da última convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter xeral, con cargo á asignación ao 0,7% do IRPF.

O Goberno galego reafirma así o seu compromiso con institucións como Aspanaex que contribúen a mellorar a integración social das persoas con discapacidade intelectual para que acaden unha inclusión plena. Alfonso Rueda puxo en valor que “entidades como Aspanaex, e moitas outras que están traballando en Galicia con todo o que ten que ver coa discapacidade, supoñen un complemento imprescindible para a Administración e chegan a sitio a onde a Administración por si mesma non daría chegado”

Por iso, reafirmou que estas entidades “seguirán contando co apoio da Xunta” para prestar unha mellor atención, como é o caso coa posta en marcha da futura residencia. O centro, en cuxa rehabilitación colabora a Xunta, contará con 58 prazas e evitará que persoas que precisen desta asistencia teñan que trasladarse a outras residencias de fóra da cidade de Vigo ou da provincia.

Aspanaex presta desde hai 56 anos atención a persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra para promover a súa inclusión social a través de servizos educativos, asistenciais, laborais e residenciais, co obxectivo de que estas persoas conten cunha boa calidade de vida.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2020