A Xunta reforza a súa colaboración coa Fundación Arume tras a súa adscrición á Consellería do Medio Rural polo seu labor a prol da valorización dos montes galegos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal reuniuse hoxe con representantes desta entidade, un día despois de que o DOG a clasificase como de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de marzo do 2020

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Fundación Arume, un día despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase a orde que adscribe a entidade á Consellería do Medio Rural, clasificándoa de interese para o desenvolvemento forestal da comunidade.

Na xuntanza as dúas partes acordaron impulsar de xeito conxunto unha serie de fórmulas de colaboración que afonden na valorización dos montes galegos. Así, falaron da execución de restauracións medioambientais que aumenten a biodiversidade, especialmente en bosques afectados por incendios forestais, utilizando os materiais xenéticos de maior calidade e, en particular, aqueles que amosen significativa resistencia fronte a enfermidades forestais. Tamén trataron a aplicación de modelos innovadores para avanzar en fórmulas conxuntas de xestión forestal activa de propietarios privados, poñendo en valor os seus recursos e procurando a multifuncionalidade de todos os produtos e servizos que achegan as nosas masas forestais.

Ademais, trataron a posta en valor de proxectos de reforestación exemplarizantes que incorporen criterios de adaptabilidade, resiliencia e anticipación fronte aos incendios. Así mesmo, falouse do fomento de accións dirixidas a amosar o papel que están a xogar os bosques nas políticas de descarbonización, loita fronte ao cambio climático e bioeconomía.

A Fundación Arume ten por obxecto promover o valor dos montes galegos, en especial os de coníferas e, en particular, os de piñeiros, mediante o impulso de plans integrais, accións de recuperación e a potenciación do uso das súas madeiras, así como doutros aproveitamentos compatibles como os micolóxicos. A finalidade é apostar por un ecosistema sustentable para contribuír a unha maior riqueza forestal, ao benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento económico do medio rural.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 11/03/2020