O director xeral de Desenvolvemento Rural achegouse a este municipio pontevedrés para supervisar as obras de compactación
A consellería do Medio Rural arranxa un camiño do Concello de Vilanova de Arousa na zona de concentración parcelaria de Baión

Este camiño foi danado debido ás fortes choivas rexistradas nas pasadas semanas, ocasionando problemas de mobilidade aos viandantes desta plataforma

Nos vindeiros días mellorarase a drenaxe das parcelas lindeiras a este camiño, para que non se encharquen nos días de moita choiva

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 11 de marzo do 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, trasladouse esta mañá ata o concello pontevedrés de Vilanova de Arousa para supervisar os traballos de compactación nun dos camiños da zona de concentración parcelaria de Baión.

Este viario foi danado debido ás fortes choivas rexistradas nas pasadas semanas, ocasionando problemas de mobilidade para os veciños do lugar. Por iso, dende a Consellería do Medio Rural decidise levar a cabo obras de reparación do firme co fin de eliminar as fochancas. Tamén se porán en marcha, nos vindeiros días, melloras de drenaxe para que non se encharquen as parcelas nos días de moita choiva, así como o asfaltado de dito camiño.

A concentración parcelaria de Baión afecta unha superficie de case 700 hectáreas, propiedade de 1.052 veciños. Na actualidade están aprobadas as bases definitivas, co fin de reagrupar as máis de 6.000 parcelas e así ampliar a base territorial das explotacións da zona. Ademais, cómpre resaltar que, entre as actuacións levadas a cabo, ampliouse a anchura deste viario, pasando de 3,8 a 7 metros de anchura para mellorar o tránsito nesa zona.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 11/03/2020