A conselleira de Política Social visitou hoxe 'As Casiñas', vivendas que a entidade pon á disposición de pais e nais con fillos ingresados no CHUS
Fabiola García pon o acento no apoio e comprensión que a Fundación Andrea presta ás familias que teñen nenos hospitalizados con doenzas graves

Destacou que estas vivendas permiten ás familias descansar nunha contorna acolledora o máis parecida a un fogar durante o tempo dure a estancia hospitalaria das súas fillas ou fillos

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé na solidariedade e empatía da Fundación Andrea con familias que teñen nenas ou nenos afectados de enfermidades longas ou terminais que supoñen unha longa estancia hospitalaria. Díxoo durante a visita que realizou esta tarde a As Casiñas, vivendas temporais situadas moi preto do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) que esta entidade ofrece ás nais e pais con menores nesta situación.

Fabiola García sinalou que estas vivendas son un exemplo do apoio, a tenrura e a comprensión que a Fundación Andrea presta a familias que están a pasar por un momento tan difícil como é a enfermidade dun fillo. Con As Casiñas facilítaselles un lugar para que poidan descansar nunha contorna acolledora o máis parecida a un fogar durante o tempo que dure a hospitalización dos seus nenos.

A conselleira manifestou que a Fundación Andrea é xa unha entidade de referencia en toda Galicia. Ademais de poñer a disposición das familias estas vivendas temporais, a entidade leva a cabo outras actividades como o acondicionamento de espazos pediátricos en centros hospitalarios para facelos máis amigables para os nenos, sesións de terapia familiar e apoio psicolóxico ou a concesión de axudas para aloxamentos e gastos médicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2020